Os Grupos de Idade botan o resto para dar cor e bo ambiente ás Series Mundiais

Pontevedra
24 de setembro 2023

A competición de grupos de idade, con centos de deportistas afeccionados rexistrados, foron os encargados de abrir fogo na última xornada da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Tríatlon Standar e Aquabike de Grupos de Idade nas Series Mundiais de Pontevedra
Tríatlon Standar e Aquabike de Grupos de Idade nas Series Mundiais de Pontevedra / Mosrey Fotografía

Aínda co gran sabor de boca que deixou a xornada de sábado na memoria, en especial coa carreira elite masculina da Gran Final das Series Mundiais, a actividade arrincou ben tempran este domingo 24 de setembro na contorna da ponte dos Tirantes para iniciar a última xornada dos campionatos.

Os encargados, do mesmo xeito que o venres abrindo fogo, foron os grupos de idade, con centos de deportistas rexistrados tanto no tríatlon como nas probas de aquabike.

Desde as 8.30 horas da mañá deportistas de todas as idades tiráronse ao río Lérez para iniciar o seu campionato, primeiro coas carreiras de tríatlon standard en grupos de idade, cun percorrido en distancia olìmpica de 1.500 metros de natación, 39,5 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros finais de carreira a pé.

Máis tarde, ás 10.45 horas, sumábanse os deportistas de aquabike, con 1.500 metros de natación e 39,5 quilómetros de ciclismo.

Todos eles acabáronsemesturando nas rúas de Pontevedra ofrecendo unha mestura de colorido e bo ambiente con moitos amigos, familiares e afeccionados animando ao seu paso.

Todo un espectáculo para quentar o ambiente para as grandes citas da xornada, co Mundial Sub-23 Feminina e a Gran Final Elite tamén en categoría feminina.