Tras quince días de intensa campaña electoral, os candidatos pola provincia de Pontevedra nestes comicios galegos do 25-S aproveitaron a xornada de reflexión deste sábado para gozar da tranquilidade que lles proporcionan as súas respectivas familias.
Así, o número 2 do PP por Pontevedra, Alfonso Rueda, optou por iniciar a xornada con tarefas cotiás. Acompañado das súas fillas, o dirixente popular fixo a compra nun coñecido hipermercado da cidade. A partir do mediodía, goza dun sábado de lecer en compañía dos seus.
A súa axenda para esta xornada tamén incluíu, na súa responsabilidade como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, unha visita ao centro de datos de Santiago de Compostela, o lugar desde o que se coordinará toda a actividade da xornada electoral do domingo.
Tamén o cabeza de lista do BNG, Luis Bará, pasou todo o día coa súa familia. Neste caso foi entre Vilaboa e Pontevedra. Durante a mañá acudiu á casa da súa nai coa súa parella e os seus tres fillos e pola tarde levou a seu pai a xogar a partida a Arcade, como fai habitualmente.
Bará tamén aproveitou o día para realizar algunhas visitas a persoas relacionadas con traballos de investigación sobre a memoria histórica, tema no que o candidato ocupa boa parte do seu tempo libre. O día para el ía rematar na casa para descansar e aproveitar para ler ou ver algunha serie.
Pola súa banda, a cabeza de lista de En Marea pola provincia de Pontevedra, Carmen Santos, pasou esta xornada de reflexión na compañía das amigas da súa época universitaria, asistindo á boda da súa mellor amiga.
O enlace tivo lugar ás 13.00 horas nos salóns do Pazo de Castrelos e continuou co tradicional banquete e a festa posterior.