Desde primeira hora da mañá, os pontevedreses -do mesmo xeito que o resto dos galegos- estamos a participar nas eleccións do 25-S. E quen o fixo xa ao completo foron os candidatos dos partidos que se presentan pola provincia de Pontevedra.
O máis madrugador, como vén sendo habitual nestas últimas citas electorais, foi o candidato do BNG por Pontevedra, Luís Bará. Fíxoo ás dez da mañá no IES Frei Martín Sarmiento, acompañado dos seus tres fillos e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que como sempre votara pouco despois das nove en Marcón.
Bará, que visitará diferentes comarcas da provincia para saudar aos membros das mesas electorais antes de seguir a xornada desde a sede do BNG, destacou que o voto dos galegos é unha "ferramenta poderosa" para traballar por Galicia e abrir un "tempo novo", polo que animou á participación nesta "importante" cita electoral.
"O momento de participar é agora para despois non lamentarse", afirmou o candidato nacionalista, que espera que se produza unha "altísima" participación xa que sería unha "boa noticia" para Galicia, porque significaría que a xente está "preocupada por cambiar as cousas e pola situación do país".
Pola súa banda, o número 2 do PP por Pontevedra, Alfonso Rueda, votou pouco antes do mediodía no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e feito un chamamento á participación dos galegos este 25-S porque "se está decidindo o futuro de Galicia".
Rueda asegurou que "entendo" que a xente "estea cansada" tras catro citas electorais en pouco máis dun ano, pero pediu que "todo o mundo se achegue aos colexios" porque "hoxe estamos a decidir o que queremos para Galicia, quen queremos que presida Galicia". Así, espera que das urnas salga un goberno que "se poña a traballar ao día seguinte".
Ao longo desta xornada, Alfonso Rueda visitará todos os colexios electorais da cidade de Pontevedra e comerá cos apoderados e interventores do PP de Cambados, unha cita que repite en todas as eleccións e que "sempre nos deu sorte".
Pouco despois de que Rueda votase no CGTD, o presidente do PP de Pontevedra acompañou a Ana Pastor, actual presidenta do Congreso, que exerceu o seu dereito ao voto, como é habitual, no colexio de Campolongo.
Alí, Pastor afirmou que "nos jugamos moito" nestas eleccións galegas do 25-S, xa que ademais de decidirse a composición do parlamento autonómico "hay que venir a votar" para decidir "qué queremos para el futuro y la estabilidad del país".
Ana Pastor insistiu que este é un "momento importante", polo que animou á participación nestes comicios, porque da política, dixo, "depende el futuro de todos nosotros". Por iso, pediu a todos os galegos que que "no renuncien" ao seu dereito ao voto e que o exerzan "con responsabilidad", pensando "no en el presente, sino en el futuro".
En Vigo votou a candidata de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos. Fíxoo contra as 12.30 horas no seu colexio habitual, no Instituto Municipal de Educación.
A candidata comerá con amigas e pola tarde visitará á familia. Para o reconto electoral irá a Santiago para apoiar ao candidato Luís Villares.
O número dous pola provincia, Marcos Cal, votou ao redor das doce do mediodía en Pontevedra, no seu colexio habitual do Centro Leste.
En diferentes colexios da cidade de Pontevedra tamén votaron dúas das candidatas do PSdeG-PSOE por Pontevedra. A número 2, Patricia Vilán, fíxoo no IES Valle Inclán ás once e media da mañá; mentres que a número 4, a arquitecta María Pierres, foi a que máis se demorou e votou preto da unha e media da tarde no colexio de Campolongo.
O cabeza de lista da candidatura socialista, Abel Losada, votou en Vigo.