"É case imposible observar un atardecer e non soñar", declaraba o filósofo británico Bernard Williams.
O atardecer é un dos momentos máis máxicos, cando o Sol atravesa o plano do horizonte e aos poucos desaparece, marcando o final do día.
Percorremos en fotografías as postas de sol máis románticas da Ría de Pontevedra, onde as augas do río Lérez conflúen coas do océano Atlántico.
O 14 de febreiro, Día dos Namorados, a cita con este fenómeno da natureza será na Ría de Pontevedra ás 19:03 horas.
Nese momento, xa é tradicional que decenas de persoas se congreguen nas varandas e nos asentos do paseo peonil que discorre pola desembocadura do Lérez en dirección Pontevedra-Marín pola costa.
Outro punto que recollemos é o paseo da praia de Laño, moi transitado polos veciños da parroquia de Samieira, en Poio.
Hai persoas que viven con tal intensidade os atardeceres que poden chegar a desprazarse para buscar ese momento único en diferentes lugares. Na lingua inglesa hai un termo específico para esta condición: 'opacarophile' pero de momento non ten a súa correspondencia en linguas hispanas. Así o recoñecía a Real Academia Española da Lingua mediante un tweet en resposta a unha consulta de @lavecinarubia.
A RAE informa de que non constan exemplos do uso deste termo en textos escritos en español, e propón no seu lugar outra palabra que, a pesar de non estar aínda incorporada ao dicionario oficial da RAE, si que se advertiu o seu uso: 'selenofilia', derivada do termo grego 'selene', que significa 'Luna'.