O tríatlon mundial debate sobre o seu futuro desde Sanxenxo.
Coincidindo coa celebración en Pontevedra da Gran Final das Series Mundiais, o Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo acolle desde este xoves o XXXVII Congreso Mundial da World Triathlon.
"É un pracer formar parte das Series Mundiais de Tríatlon con este congreso", afirmou na inauguración do congreso o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, defendendo que "con esta cita trazamos unha alianza que me gustaría perdurase no tempo".
Tal e como destacaron desde Sanxenxo, o impacto das Series Mundiais posibilitou que practicamente toda a rede hostaleira do municipio se manteña aínda aberta a finais do mes de setembro, prolongando a tempada alta de verán cunha ocupación plena, e é que a vila costeira foi o destino elixido para aloxarse de moito deportistas pero tamén de persoal da organización ou familiares dos atletas.
Na cita participan representantes das diferentes federacións nacionais de tríatlon, a maioría en persoa pero algúns tamén de maneira telemática.
Entre os primeiros asuntos a tratar no Congreso, o órgano de decisión do tríatlon mundial aprobou as datas das principais probas internacionais de 2024, incluíndo a Gran Final que se disputará en Málaga do 17 ao 20 de outubro.