O sistema educativo que propón Besteiro "non deixará a ninguén atrás"

Pontevedra
15 de febreiro 2024

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves as súas propostas no ámbito da educación pública. Fíxoo nun encontro con estudantes da ESO dun instituto de Santiago de Compostela

José Ramón Gómez Besteiro, con estudantes dun instituto
José Ramón Gómez Besteiro, con estudantes dun instituto / PSdeG-PSOE

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves as súas propostas no ámbito da educación pública. Fíxoo nun encontro con estudantes da ESO dun instituto de Santiago de Compostela.

Alí, Besteiro explicou que rescatará como primeira medida a gratuidade dos libros de texto e do material escolar para que todos en Galicia teñan as mesmas oportunidades con independencia da situación económica familiar.

"A educación ten que basearse na equidade para garantir unha sociedade democrática e, sobre todo, temos que crer no sistema educativo, non dar a ninguén por perdido, nin deixar a ninguén atrás", subliñou o líder do PSOE en Galicia.

O candidato socialista criticou as políticas de recortes e precarización aplicadas no ensino público durante os 15 anos do PP na Xunta e a anulación da gratuidade dos libros, que "pode acadar un gasto duns 500 euros por neno ou nena".

A preguntas dos escolares, Besteiro avanzou a súa intención de impulsar unha nova lei de educación, adaptada aos novos tempos, que contemple, entre outras, a loita contra o acoso e o ciberacoso escolar ou a atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación obrigatoria.

Esta nova normativa buscará reformular as horas de docencia, rebaixar o número de alumnos por docente ou apostar pola inclusión das persoas con necesidades educativas especiais.

Ademais, reiterou que a educación pública de calidade "ten que chegar tamén á Galicia rural·onde o goberno galego pechou 138 escolas na última década", garantindo en todo o país un centro próximo, dispoñibilidade de transporte ou medidas que faciliten a conciliación como o servizo de comedor.

Besteiro falou tamén da gratuidade das primeiras matrículas na universidade e os masters como garantía de igualdade ou de impulsar a FP dual e levar esta práctica aos graos universitarios. 

Arquivado en