O PSOE quere converter a beira do Lérez nunha 'terraza fluvial' na que "mollar os pés"

Pontevedra
23 de maio 2023

Integrantes da candidatura de Iván Puentes á Alcaldía de Pontevedra presentaron este martes o proxecto "Terrazas do Lérez" antes de dar un paseo en piragua polo río

Paloma Castro pasea en kaiak polo río para presentar o proxecto Terrazas do Lérez
Paloma Castro pasea en kaiak polo río para presentar o proxecto Terrazas do Lérez

O proxecto impulsado pola candidatura do socialista Iván Puentes para a renaturalización dos ríos deniminado Pontevedra Flúe inclúe unha proposta chamada Terrazas do Lérez. Unha intervención consistente en rehabilitar a zona de transición entre o río e a cidade nos treitos que discorren entre as pontes dos Tirantes e O Burgo, eliminando o actual muro que canaliza o Lérez e substituíndoo por unhas bancadas horizontais que descendan cara ao río a xeito de terrazas.

Os 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica servirán para facer realidade esta actuación así como outras para completar unha profunda transformación de toda a franxa fluvial da Boa Vila.

Ademais de permitir unha transición máis amable e natural, cunha vexetación propia dunha ribeira fluvial que potenciará a súa riqueza biolóxica, tal e como avanzou hoxe a número catro da lista socialista, Paloma Castro, "estes novos espazos estarán concebidos para que poidamos mollar os pés no río e realizar un paseo agradable, contarán con zonas de sombra e solarios e estarán dotados de mobiliario axeitado para tomar o sol, de xeito que a cidadanía poida utilizalos como se fosen unha praia", dixo no Club Naval antes de subirse a unha piragua para dar un paseo polo río. 

"A conversión das beiras do río en suaves terrazas traducirase nunha serie de plataformas dispostas de xeito escalonado cara ao río, que constitúan unha suave pendente e que conserven na súa zona inferior o leito natural do río, eliminando o actual muro de cemento", engadiu.

O proxecto plantexa a mellora do paseo e a conservación da súa función de mobilidade peonil e ciclista, suprimindo a mobilidade motorizada en Rafael Areses. A intervención implicaría a eliminación da rampla de acceso que comunica o párking do Pazo da Cultura coa parte superior do parque Rosalía de Castro, deixando como único acceso o que comunica directamente coa avenida de Compostela. Tamén se liberarían de coches tanto a plataforma inferior, que actualmente está pavimentada, como a propia rúa.

A parlamentaria socialista explicou que a elaboración do proxecto técnico "terá en conta as solucións baseadas na natureza, adoptando aquelas fórmulas máis sostibles e amables co medio natural, de tal xeito que o resultado sexa beneficioso para o ecosistema".

Partindo dunha liña fluvial "pouco agradecida e de aspecto duro" na fachada que discorre por diante do Pavillón dos Deportes e o Recinto Feiral, o proxecto Terrazas do Lérez "aspira a ter unha forza icónica capaz de converterse nun novo símbolo da cidade, ofrecendo tanto aos pontevedreses como a quen nos visita novas postais urbanas dun río mimado, utilizado, acolledor, solleiro e apetecible", rematou.