O PSOE presenta a súa candidatura: "A primavera socialista é imparable en Pontevedra"

Pontevedra
12 de maio 2019

"Unha candidatura progresista, xoven, feminista e absolutamente comprometida coa loita pola igualdade". Tino Fernández asegura que "o presidente Sánchez xa amosou que vai escoitar tódalas reivindicacións que os socialistas pontevedreses lle fagamos"

Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra
Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra / PSOE

"Por moito que se empeñen os sectores máis reaccionarios e intolerantes, non se lles poden poñer freos á igualdade e á xustiza social. A primavera socialista é imparable na nosa cidade". Con esta sentida mensaxe a prol "dunha Pontevedra para todas e todos, diversa, plural e libre de descursos de odio", presentou este domingo en Pontevedra o cabeza de lista da agrupación municipal do PSOE, Tino Fernández, a candidatura coa que os socialistas concurrirán ás vindeiras eleccións municipais.

Segundo subliñou, trátase dunha candidatura "progresista, moi xoven, feminista, paritaria e absolutamente comprometida coa loita pola igualdade e os dereitos sociais", da que forman parte, en postos destacados, "varias mulleres adicadas a loitar diariamente contra a violencia de xénero" e activistas en colectivos de carácter social.

Para Fernández, co PSOE no Goberno central, o equipo que lidera "é de lonxe a mellor opción que poden escoller os pontevedreses para defender os intereses da nosa cidade".

"O presidente Sánchez xa deixou ben claro que vai escoitar tódalas reivindicacións e demandas que dende aquí lle fagamos os socialistas de Pontevedra. Moitos dos problemas e as demandas históricas da nosa cidade pódense resolver co PSOE no goberno municipal", apuntou.

O candidato á Alcaldía asegurou que "o conxunto da sociedade é moi consciente da importancia dun partido capaz de defender os dereitos fundamentais das persoas por riba de todo e que conserva no seu ADN algo que as outras formacións olvidaron hai tempo: empatía e diálogo".

"As tres ultradereitas tiveron ultimamente tantos cambios de identidade que non sei se os seus votantes terán moi claro que están a votar exactamente. Os posicionamentos intransixentes non arranxan nada e ata algúns grupos empresariais déronse conta de que, se queren solucións, precisan dun partido co que poidan dialogar", afirmou.

Tino Fernández destacou ao equipo de 24 persoas que o acompañará ás eleccións do 26 de maio como "a única lista que realmente representa a diversidade, a heteroxeneidade e o sentimento plural dunha sociedade que pide cambios e que non quere ser silenciada nunca máis". Así, contará coa primeira muller trans en presentarse a unhas eleccións en Galicia, a activista LGTBI e avogada especializada en violencia de xénero Ada Otero (6).

En postos de cabeza da candidatura irán outras dúas mulleres avogadas, tamén con moita experiencia en casos de violencia de xénero e implicadas de xeito moi activo na loita do colectivo feminista pontevedrés: a actual responsable de Comunicación e Redes Sociais do partido, Gloria Blanco (número 2 da lista) e a secretaria de Igualdade da Agrupación Socialista, Paloma Castro (4). Iván Puentes, ex alcalde de Fene e concelleiro durante o pasado mandato, irá como número 3, mentres que o presidente dos comuneiros e da comunidade veciñal de Verducido, Marcos Rey, e o vicesecretario xeral do PSOE municipal, "Yeyo" Pérez Agulla, ocupan o 5 e o 7 respectivamente.

O histórico dirixente veciñal Ángel Mario Lago, outra das principais "fichaxes" da candidatura, concurre como número 9; a tamén voceira veciñal Arancha Fernández ocupa o 8, e a responsable de Movementos Sociais da Executiva Local, Eugenia Jorge Marinero, faino de 10. O responsable da área de Educación da Executiva Local, Rafael Cotelo (representante de Persoal Non Docente na Uned) vai de 11; a dirixente veciñal Carmen Alfonso de 12; o funcionario Héctor Santaló, xefe do Servizo de Inspección Tributaria do Concello de 13; a avogada Marica Adrio de 14, e Jesús Cancela de 15.

Teresa González, responsable de Política Social, é a número 16 da lista, e o enxeñeiro químico Roberto Taboada, o 17, mentres que o novo secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Pontevedra, Santiago Abal, concurre de 21. Completan a lista Rocío Carrera, veciña de Eduardo Pondal (18); a docente Pilar García Pinal (20); a procuradora Cristina del Río (22); Christian Fernández (23), veciño de Lourizán, e Jesús Fernández (19), veciño de Monte Porreiro e membro da executiva local.

Pechan a candidatura a veterana militante Maruja Serafín (24), veciña de Fontesanta, e o presidente da Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra, Xosé Benito Gama (25).