A candidata socialista ás próximas Eleccións Autonómicas Paloma Castro, visitou esta actuación acompañada dos voceiros socialistas en Poio e Sanxenxo, Gregorio Agís e Fernando Otero e outros responsables locais visitaron este sábado as obras da nova depuradora de Paxariñas.
Os socialistas sinalaron que esta estación que vai tratar as augas residuais de Sanxenxo e Poio durante as próximas décadas para devolvelas á ría cumprindo cos estándares das directivas europeas, "avanzan gracias ao impulso do Goberno de España, que asumiu esta mellora a raíz do histórico desleixo da Xunta de Galicia".
Paloma Castro afirmou sobre este problema de contaminación que "a Xunta non só ignorou durante 15 anos, senón que tratou de agochar alentando un artificial conflito político entre os gobernos locais de ambos concellos".
"Se queremos completar o saneamento integral das rías e acabar coas multas da Unión Europea hai que apostar por Besteiro como presidente da Xunta", concluíu.
A candidata recalcou que resulta "incrible" que a decisión política de asumir esta obra tivera que adoptarse en Madrid, polo Goberno de Pedro Sánchez, "tras 15 anos de incumprimentos de Rueda e Feijoo". "Como resulta incrible a actitude obstrucionista que mantivo o Partido Popular a nivel local, especialmente en Poio, para que esta iniciativa saíra adiante", engadiu.