O PSOE eliminará a taxa por apertura de establecemento e bonificará cun 50% no IAE ás empresas que inicien actividade

Pontevedra
19 de maio 2019

O socialista Tino Fernández tamén prevé aplicar unha bonificación de até un 50% no IAE a aquelas empresas que teñan un rendemento negativo ou perdas

Carpa electoral do PSOE
Carpa electoral do PSOE /

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, explicou este domingo outra das propostas que leva no seu programa electoral: eliminar a taxa por apertura de establecementos, de xeito que ningunha iniciativa comercial, profesional e empresarial teña que facer efectivo este tributo para que o Concello de Pontevedra estude e, no seu caso, conceda as licenzas para o desenvolvemento dunha actividade económica.

Esta é unha das principais medidas fiscais de apoio ao tecido empresarial que a Agrupación Municipal Socialista leva no seu programa coa finalidade de fomentar e facilitar a implantación de novas empresas no termo municipal.

O partido que lidera Tino Fernández promete que tamén creará unha bonificación do 50% no IAE para aquelas empresas que inicien a súa actividade no municipio. Segundo explica o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, este beneficio fiscal aplicaríase "a partires do segundo ano de actividade e durante un período de cinco anos".

Asemade, os socialistas tamén plantexan unha bonificación de até o 50% na cota tributaria do IAE para aquelas empresas que teñan un rendemento negativo ou perdas, aliviando deste xeito a carga fiscal das firmas que se atopen en situación de dificultade económica.

A exención de garantías para aqueles adiamentos ou fraccionamentos de pago de débedas tributarias até a cantidade de 30.000 euros é outra das medidas que o PSOE promete adoptar durante o vindeiro mandato. "Deste xeito, as empresas e particulares -sinala Fernández- poderán axeitar o pago das obrigas tributarias á situación económica na que se atopen en cada momento, de forma sinxela e sen necesidade de incorrer en custes indirectos".

En opinión de Tino Fernández, a adopción destas propostas de carácter fiscal xustifícase "polo evidente efecto dinamizador que a implantación de actividades profesionais e industriais ten na economía e no emprego". Tal e como subliña, "o chamado ‘modelo Pontevedra’ ocupouse únicamente de aspectos referidos ao modelo urbano, como a peonalización ou o deseño de rúas e prazas, pero esqueceuse doutros de vital importancia, como o desenvolvemento económico integral".

Ao seu xeito de entender, "aínda que as competencias da Administración local en materia de economía e emprego son as que son, iso non impide que, dentro do ámbito de funcionamento dos concellos, se poidan implementar unha serie de medidas que contribúan, xunto co propio tecido socioeconómico da nosa vila, a acadar un marco favorecedor a nivel económico e laboral".