O PSOE de Pontevedra considera que o actual modelo urbano consolidado nos últimos anos en Pontevedra en base á peonalización "está practicamente esgotado" e, unha vez que se chegou ao límite peonalizando a práctica totalidade do casco histórico, hai que apostar por un novo modelo que permita continuar o crecemento ordenado de Pontevedra e "manter o seu nome como referente de mobilidade". A súa aposta pasa pola creación de 'supermazás' nos barrios situados máis aló do anel central da cidade e da pasarela da rúa 12 de Novembro.
O número tres da candidatura socialista, Iván Puentes, valora que os "últimos estertores do modelo peonil" tan só terían sentido en rúas como Benito Corbal, "no caso de que algún día se atope unha solución para a entrada e saída ao parking de Barcelos", e nalgún outro pequeno vial ubicado "entre a pasarela do tren e a zona monumental", de modo que chega o momento de mirar cara a outras zonas da cidade.
Precisamente, a candidatura socialista para as eleccións do próximo 26 de maio, que encabeza Tino Fernández, visitou este mércores a zona Leste da cidade, onde repartiron propaganda electoral e onde se sitúa unha das súas propostas de cambio de modelo.
Na súa opinión, o único xeito de levar aos barrios "o modelo de cidade amable e sostible" e de xerar "espazos de ocio seguros" no seo dos mesmos pasa polo deseño de ‘supermazás’, ao xeito dos proxectos urbanísticos levados a cabo en Vitoria (referente neste modelo) e Barcelona. Ademais, Madrid e Nova York están comezando a aplicalos.
A idea do PSOE xurdiu das conversas mantidas cos voceiros do colectivo ciclista Pedaladas, que mesmo lle fixeron á agrupación socialista unha primeira proposta para unha zona concreta da cidade, a comprendida entre as urbanizacións de Valdecorvos e O Castañal e o último treito de Loureiro Crespo.
Segundo explica Iván Puentes, o proxecto consistiría en delimitar "un gran barrio" entre a pasarela do tren e a avenida de Juan Carlos I, no que haxa algunhas vías secundarias que se peonalicen e outras de plataforma única e que no que no resto do espazo teña un tráfico restrinxido a peóns, bicicletas e vehículos de residentes".
En base á proposta de Pedaladas, a creación desta primeira 'supermazá' levaría aparellada a creación dunha gran praza pública na rúa Loureiro Crespo (cortaríase ao tráfico o treito comprendido entre Mestre Soutullo e 12 de Novembro) e a construción dunha rotonda na avenida de Lugo (fronte á gasolineira de Cepsa).
O acceso a esta área de tránsito restrinxido (ou ‘illa’, como tamén a deu en chamar o colectivo) faríase a través da rúa Ángel Amor Ruibal e a saída pola rúa Rodríguez Seoane.