Tras unha reunión cos decanos dos colexios de Avogados e de Procuradores, a candidata socialista Paloma Castro garante que "a nova Xunta de Xosé Ramón Gómez Besteiro" acabará coa saturación que padece o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), desbloqueará os importantes desaxustes que se producen na aplicación da quenda de oficio e impulsará a dixitalización dos procedementos xudiciais.
Os socialistas de Pontevedra están convencidos de que, baixo o liderado de Besteiro, poderán ser corrixidos "os problemas derivados da nefasta xestión de Rueda durante os 12 anos que estivo ao fronte da Consellería de Xustiza, dos que só o lembramos pola súa nula capacidade de diálogo na folga de 2018, a máis longa da historia do noso país e que provocou un dano terrible nos xulgados galegos".
Estes problemas foron abordados por Castro nun encontro mantido cos decanos dos colexios de Avogados e de Procuradores de Pontevedra, Gema Rial Rodríguez e Joaquín Gabriel Santo Conde, e no que tamén participaron o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira socialista Yoya Blanco.
Castro subliña que os 12 anos de Rueda ao fronte da carteira de Xustiza só son lembrados "pola súa nula capacidade de diálogo na folga de 2018, a máis longa da historia do noso país e que provocou un dano terrible nos xulgados galegos"
"Rueda deixounos como herdanza boa parte das deficiencias que aínda gangrenan o funcionamento da nosa xustiza case unha década despois", dixo Paloma Castro.
No que atinxe á quenda de oficio, o PSdeG considera "imprescindible que a Xunta asuma a responsabilidade de solucionar os numerosos e importantes desaxustes que existen na aplicación deste dereito, comezando por unha dotación orzamentaria que permita acabar coa precariedade das retribucións e aboarlles aos profesionais unhas indemnizacións dignas".
A candidata do PSdeG tamén incidiu na necesidade de que Galicia "poña as pilas en materia de dixitalización do procedemento xudicial, en consonancia coa aposta que o Goberno de España está a realizar a prol da modernización tecnolóxica e da eficiencia organizativa e dixital da xustiza".
Na súa opinión, "resulta incomprensible que aínda se estean a empregar programas informáticos que non contemplen tódolos procedementos, que a Fiscalía careza dunha sede electrónica, que se fagan videoconferencias con equipos informáticos desfasados, ou que non exista coordinación entre os programas que utilizan os diferentes axentes da xustiza, o que dificulta o traballo ao imposibilitar o acceso a datos como os dos procedementos pendentes ou os relativos a menores".
Paloma Castro tamén amosou a preocupación dos socialistas ante a situación na que se atopan os xulgados de Violencia no noso territorio, "non só os de instrución ou mixtos, que coñecen esta materia, senón tamén os exclusivos da Coruña e Vigo". "Avogamos por un Plan de Adaptación destes edificios ás esixencias legais e por unha mellora nas condicións laborais dos axentes xudiciais que traballan neles", reivindicou.