O PSdeG-PSOE avanza que defenderá unha política social municipal "afastada da beneficencia"

Pontevedra
12 de marzo 2015

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, mantivo este mércores unha xuntanza con unha vintena de asociacións da cidade que traballan no marco da iniciativa social. A todas elas se lles avanzou o que será o seu programa electoral neste eido

Reunión de Tino Fernández cunha  vintena de asociacións que traballan na iniciativa social
Reunión de Tino Fernández cunha vintena de asociacións que traballan na iniciativa social / Mónica Patxot

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, mantivo este mércores unha xuntanza con unha vintena de asociacións da cidade que traballan no marco da iniciativa social. A todas elas se lles avanzou o que será o seu programa electoral neste eido.

O socialista anticipoulles a necesidade de deslindar os espazos de actuación da Administración pública e das asociacións "porque ás veces se confunden", especialmente dende a Administración, "en forma dun exceso de propaganda ou mesmo de usurpación do mérito do traballo das asociacións".
 
Neste sentido, subliñou que é preciso remarcar a diferenza entre servizos sociais e beneficencia. Agustín Fernández asegurou que dos socialistas non se pode agardar unha xestión da área de Benestar Social que inclúa partidos benéficos para recadar patacas. "Iso pode facelo un club deportivo ou unha asociación social, pero non o Concello", afirmou.

O importante, concluíuse nesta xuntanza, é que o Concello, con independencia dos recortes en competencias ou transferencia de fondos que aprobaron os gobernos do PP na Xunta de Galicia e en Madrid, debe manter unha atención profesionalizada para garantir que as persoas reciban axuda cando estean en situación de emerxencia.