Nun acto que contou coa participación dos colectivos Os Palleiros, Ohana, Aecam, Galgos 112, Huellas Felinas e Difusión Felina, a candidata socialista Paloma Castro reivindicou este xoves na Praza de España o "decidido compromiso" dos socialistas coas políticas de protección e contra o maltrato.
Segundo dixo este compromiso quedará expresado "en accións rotundas e tanxibles" se o candidato do PSOE José Ramón Gómez Besteiro preside a Xunta de Galicia.
Paloma Castro dixo que "cando o PSOE chegou ao Concello a principios do anterior mandato existían uns servizos mínimos en relación ao coidado e protección de animais, que nós incrementamos notablemente, primeiro eu como concelleira e posteriormente o meu compañeiro Marcos Rey, duplicando o orzamento que se destinaba a esta fin, creando unha coordinación entre as diferentes asociacións e impulsando medidas que cambiaron a concepción que existía".
Neste sentido, o propio Marcos Rey, que levou Benestar Animal até o pasado ano, resaltou "o trato directo que tivemos coas asociacións, os protocolos desenvolvidos tanto coa protectora de cans como cos colectivos encargados do coidado dos gatos (coa creación dos primeiros carnés identificativos dos coidadores), a elaboración dun censo de colonias felinas pioneiro, o incremento (triplicouse) do orzamento para Captura-Esterilización-Solta (CES) e os cursos Bo Cidadán Canino, que permitiron adiantarse á Lei e que se ofreceron de xeito gratuíto para cada can adoptado no refuxio de Os Palleiros".
"Cando chegamos, era un servizo que estaba por estar e nós démoslle un pulo moi importante, xerando unha inercia positiva coas entidades. O tema volveu paralizarse co novo Goberno en solitario do BNG, que parou os investimentos e que xerou un grave problema económico para Os Palleiros. O CES tamén está practicamente parado. Haberá que tirarlle das orellas a Lores", afirmou Rey.