"O partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir". Con esta presentación do PPdeG, o candidato para revalidar a titularidade da Xunta, Alfonso Rueda, pedía o voto aos asistentes que acudían este domingo 11 ao mitin ofrecido na localidade pontevedresa da Estrada. Un voto, engadía, que servirá para continuar facendo a vida máis fácil a todos os galegos e para que "o resto de españois sigan tendo en Galicia un espello onde mirarse desde o respecto e a admiración".
Fronte ao que fan e representan os populares galegos, Rueda seguiu reclamando a papeleta do PPdeG o 18F para "non converternos nunha sucursal da lea, nin nun reflexo dos peores vicios que se están instalando na política nacional"; para evitar a "política de egos", ou aos "sectarios e intolerantes de sempre".
O presidente do PPdeG dixo que o seu partido "non fala tanto de ideoloxía como a esquerda" porque prefiren falar do importante: "o que propoñemos e o que faremos para que a xente viva aínda mellor en Galicia".
Volvendo referirse aos seus rivais nas urnas engadía que "mentres outros seguen co mesmo de sempre, nós sabemos o que é gobernar coa confianza dos galegos e temos a ambición e o inconformismo que se precisan para continuar facendo que Galicia funcione".
Neste acto público tamén participaron o presidente provincial do partido, Luis López; María Martínez, integrante da candidatura pola provincia de Pontevedra e o alcalde da Estrada, José López Campos.