María Ramallo seguirá apostando polo deporte se os marinenses renovan a súa confianza no Partido Popular tras as próximas eleccións municipais de maio. Así o asegura a propia candidata do Partido Popular, que nas últimas horas fixo públicas as súas propostas en materia deportiva para os próximos anos.
Entre elas, María Ramallo destacou que os populares impulsarán a construción dunha nave para deportes náuticos (remo, piragüismo ou vela) nos terreos cedidos pola Autoridade Portuaria no Paseo Alcalde Blanco. Ademais, asegura que se levará a cabo a reforma das pistas de atletismo no estadio municipal de San Pedro ou a construción dun pavillón polideportivo en Seixo.
O Partido Popular asegura que seguirán impulsando a Gala do Deporte e esforzándose para seguir atraendo eventos deportivos de calidade, tanto de ámbito autonómico como nacional. Outra liña de traballo será xestionar os espazos deportivos de todos os centros educativos do municipio fóra das horas lectivas, facilitando o acceso a estas aos clubs e as escolas deportivas de Marín.
Todas estas propostas, segundo Ramallo, enmárcanse na aposta que o goberno municipal de Marín fixo este mandato por esta área, na que se investiu un millón de euros na mellora, construción e reforma das instalacións deportivas.
Entre elas, recorda a candidata popular inclúense a construción do campo de herba sintética de Santomé de Piñeiro, a mellora dos pavillóns da Cañota, Sequelo e A Raña, a mellora dos vestiarios do campo de fútbol de San Pedro e do pavillón da Laxe, a mellora da pista deportiva do colexio de Seixo ou as reformas da pista de skate e das pistas do parque Eguren.
Tamén destaca María Ramallo a xestión realizada das subvencións e a aposta polo campionato de España de baloncesto ou os campionatos en modalidades deportivas como a ximnasia rítmica, xunto coa colaboración con clubs deportivos de Marín para celebrar probas como a +10, a Pinga Pinga ou as carreiras ciclistas.