O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, e do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron este xoves unha reunión con colonia venezolana residente na cidade do Lérez.
Rafa Domínguez lembrou que o pasado mes de febreiro o grupo municipal do PP levou ao pleno unha moción na que demandaban "eleccións libres" neste país e trasladaban o seu apoio á comunidade de venezolanos radicada en Pontevedra.
Aquela iniciativa non foi aprobada xa que só os concelleiros do PP, PSOE e Cidadáns apoiaron a medida, o BNG rexeitouna e Marea abstívose. "Lores entre los venezolanos y Maduro está claro que ha escogido a Maduro", dixo Rafa Domínguez.
Pola súa banda o secretario xeral de Emigración expresou que "o compromiso de Galicia con toda a xente que chega desde calquera parte do mundo á nosa terra ten que ser absolutamente inescusable e ineludible".
Rodríguez Miranda destacou que "Galicia leva no seu ADN social a integración e a acollida" e lembrou que durante o século XX "fomos un pobo emigrante" que aprendeu a adaptarse aos costumes dos lugares aos que chegou "aínda que traballemos para nosa familia".
O secretario xeral referiuse ao retorno de emigrantes galegos de países como Venezuela, aos que transmitiu unha "mensaxe de cariño" pola "situación complicada" que está a vivir cunha "crise humanitaria".
Este xoves Rodríguez Miranda destacou que "co cambio político que se vai a dar con Rafa Domínguez á fronte desta cidade" vai ser "unha cidade autenticamente acolledora cos nosos que regresen de calquera parte do mundo" e que van ter ao Concello "como un lugar onde se lles pode orientar, onde se lles vai axudar e acoller para que se incorporen á sociedade de Pontevedra".
"O noso compromiso con todas as persoas que veñen como inmigrantes á nosa terra", proclamou o secretario xeral.