Que un novo cheo na praza de touros de Pontevedra se converta, do mesmo xeito que nas dúas ocasións anteriores, no "preludio" dunha maioría absoluta -a terceira consecutiva- de Alberto Núñez Feijóo. Ese é o desexo do PP.
Así o destacou o dirixente popular Alberto Pazos durante a visita que realizou, acompañado entre outros de Jacobo Moreira e José Manuel Cores Tourís, aos traballos de montaxe da estrutura necesaria para a celebración deste mitin.
Durante esta visita, que tivo lugar antes de que os partidos decidisen suspender a campaña polo accidente de tren do Porriño, Pazos puxo en valor o esforzo organizativo que require un "operativo desta magnitude".
Un total de 150 autobuses chegarán a Pontevedra desde diferentes lugares de Galicia para participar nesta "gran festa" do PP, ao que hai que sumar os que se despracen pola súa conta en tren ou en vehículos particulares e os veciños de Pontevedra e arredores.
Ademais dos 90 voluntarios que colaborarán coa organización, os populares quixeron agradecer a "boa disposición" que atoparon no Concello de Pontevedra, na Policía Local e en Protección Civil para o deseño de todo o operativo de seguridade.
Neste mitin intervirán o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy; o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo; e os catro presidentes provinciais, Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), José Manuel Baltar (Ourense) e Alfonso Rueda (Pontevedra).
Alberto Pazos explicou que para amenizar a entrada dos asistentes haberá unha actuación musical sorpresa.
"Vai a ser un día importante e Pontevedra vai a responder como sempre con Feijóo. Agardamos que sexa a primeira gran celebración de cara o día 25", explicou o candidato popular.