O noruegués Blummenfelt non pode con Marcos Vila, o gañador da I Travesía a Nado Río Lérez

Pontevedra
16 de setembro 2023

Coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon ao virar a esquina, a praia fluvial acolleu a I Travesía a Nado Río Lérez que organiza o Club Natación Galaico e na que participaron máis de 200 deportistas, entre os que estaban Kristian Blummenfelt, Zita Kuttor-Bragmayer e Gwen Jorgensen

I Travesía a Nado Río Lérez
I Travesía a Nado Río Lérez / Mónica Patxot

Pontevedra viviu este sábado un aperitivo do que será o seu maior evento deportivo xamais celebrado.

Coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon ao virar a esquina, a praia fluvial acolleu a I Travesía a Nado Río Lérez que organiza o Club Natación Galaico e na que participaron máis de 200 deportistas.

Entre eles, os triatletas e campións olímpicos tiveron un papel protagonista, captando todas as miradas no que foi un adestramento para preparar a súa participación na Gran Final.

Por unha banda estaba o noruegués Kristian Blummenfelt, ouro nos Xogos de Tokyo e campión mundial en distancia olímpica, Ironman e 70.3, que logrou un terceiro posto na clasificación xeral da travesía.

Blummenfelt parou o cronómetro en 00:31:07 e logrou subir ao segundo caixón do podio na proba masculina, ao completar a travesía só un segundo por detrás de Inés Mourenza -primeira na categoría feminina- e a tres de Marcos Vila, o máis rápido entre os homes.

Outra das participantes e figuras de máximo nivel foi a húngara Zita Kuttor-Bragmayer, campioa de acuatlón que finalizou a Travesía polo Lérez en sétima posición -segunda entre as mulleres- e un tempo de 00:31:16.

Por último, a estadounidense Gwen Jorgensen, campioa olímpica en Río 2016 e dúas veces oro mundial (2014 e 2015), fíxose co posto 11 da xeral, quinta na súa categoría, cun crono de 00:31:56 na que foi a proba e posta a punto de cara á Gran Final de Tríatlon.

Os resultados completos pódense consultar na páxina web de Championship Norte