O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado

Poio
01 de abril 2015

O candidato do PP en Poio quixo facer pública antes da campaña electoral a súa intención de "seguir realzando a figura de Alexandre Bóveda" e comprométese a manter a homenaxe a Bóveda que se realiza cada 17 de agosto na Caeira, coincidindo coa data do seu fusilamento, e tamén a "crear novos espazos" de homenaxe tales como organizar actividades nos centros educativos do municipio  

Ángel Moldes e Valentín García Bóveda ao carón do monumento en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira
Ángel Moldes e Valentín García Bóveda ao carón do monumento en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira / Mónica Patxot

O neto de Alexandre Bóveda e secretario da fundación que leva o seu nome, Valentín García Bóveda, aplaudiu este mércores o voceiro do PP de Poio e candidato á Alcaldía, Ángel Moldes, pola súa actitude "valente"al manifestar publicamente o seu apoio á figura do seu avó e ás homenaxes que se lle realizan como representante de todas as vítimas do franquismo.

A García Bóveda parécelle especialmente digno de agradecemento que Ángel Moldes dea ese paso formando parte do Partido Popular e manifesta o seu desexo de que "ogallá sexa o primeiro paso dun examplo a seguir por outras forzas políticas".

Estas declaracións realizounas ao pé do monumento en recordo a Bóveda instalado na Caeira, e Poio, tras manter un breve encontro co voceiro do PP. Ángel Moldes lle trasmitió o seu "compromiso claro" coa familia do fusilado e coa súa Fundación en caso de que reciba o apoio dos votantes para gobernar en Poio a partir do 24 de maio.

O candidato do PP mostra o seu compromiso como cidadán e como representante político e quixo facer pública antes da campaña electoral a súa intención de "seguir realzando figura de Alexandre Bóveda", que consideran que é "patrimonio de todos os veciños de Poio e de toda Galicia".

Moldes comprométese a manter a homenaxe a Bóveda que se realiza cada 17 de agosto na Caeira, coincidindo coa data do seu fusilamento, e tamén a "crear novos espazos" de homenaxe tales como organizar actividades nos centros educativos do municipio.

O compromiso de Moldes faise extensivo a todas as vítimas que foron asasinadas "por pensar distinto", ao entender que "deben ser valorados e a súa memoria debe ser identificada e respectada". Ao respecto, lembrou que xa o ano pasado o seu partido votou a favor no pleno do Concello de Poio de institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.