O ITU Multisport Festival que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio suporá unha serie de restricións de tráfico no casco histórico para permitir que se celebren as probas deportivas. Para minimizar o máximo posible as molestias para a cidadanía, a Policía Local deseñou un operativo especial de tráfico e a organización puxo en marcha unha campaña informativa para dar a coñecer como quedará a circulación
A campaña de información a veciños e comerciantes sobre as afeccións ao tráfico das carreiras do Mundial inclúe o reparto de información por todos os lugares do centro urbano nos que discorrerán as distintas carreiras do mundial Multisport.
En concreto, dúas carreiras afectan a varias rúas do centro histórico, que quedarán inhabilitadas para ir en coche ou moto. Se ben o percorrido das carreiras é distinto no interior do centro histórico, as afeccións viarias serán moi semellantes.
Os dous días afectados son os sábados 27 de abril e 4 de maio, o primeiro en horario de mañá e tarde e o segundo só pola tarde. En ambos os dous casos, as carreiras a pé entrarán no centro histórico para percorrer rúas e prazas, un dos lugares preferidos polos triatletas.
Pola zona do mercado, os arredores desta instalación quedarán libres, con accesos desde a Avenida de Bos Aires, vía que se cortará preto da ponte de Santiago. As pontes de Os Tirantes e Santiago quedarán cortadas porque por elas vai o circuíto deportivo.
As conexións entre o Estadio do CGTD e o centro histórico realízanse a través das rúas Padre Gaite e Padre Fernando Olmedo, a avenida de Bos Aires (entre Tirantes e Santiago) e os novos treitos peonís de Cruz Vermella.
A diferenza doutras ocasións, a rúa Cobián Roffignac quedará aberta, pero non como rúa de paso, senón só para servizos de residentes ou garaxes, con saída por Santa Clara e Barcelos. Tanto Cobián Roffignac como Cruz Vermella e Irmáns Sobrino Buhigas quedarán cortadas.