O Hospital Provincial, no programa de Rafa Domínguez: en clave universitaria, con tres novas titulacións e unha residencia

Pontevedra
20 de maio 2023

Domínguez explicou que cando todo se traslade a Montecelo quedará no centro da cidade "un enorme buraco económico e un enorme problema social", pois todos os negocios da contorna notarán o baleiro e a perda de actividade económica e "dun problema, queremos facer unha oportunidade"

Rafa Dominguez, diante do Hospital Provincial
Rafa Dominguez, diante do Hospital Provincial / PontevedraViva

O traslado dos servizos actuais do Hospital Provincial de Pontevedra ao Gran Montecelo unha vez que a ampliación estea terminada deixará sen usos esta infraestrutura sanitaria do centro da cidade e o PP de Pontevedra reiterou este sábado os seus proxectos para ese momento, que pasan por vincular totalmente o vello edificio á Universidade de Vigo. 

O PP xa avanzara estas intencións de que o futuro do Hospital Provincial se proxecte en clave universitaria e este sábado o seu alcaldable, Rafa Domínguez, acudiu á contorna do inmoble para avanzar nesta proposta

Domínguez explicou que cando todo se traslade a Montecelo quedará no centro da cidade "un enorme buraco económico e un enorme problema social", pois todos os negocios da contorna notarán o baleiro e a perda de actividade económica, co consecuente "sufrimento". 

Ante esta situación, "dun problema, queremos facer unha oportunidade", e por iso propón que o edificio pase a albergar unha residencia de estudantes, se amplíen as actuais instalacións da Escola de Enfermería que xa teñen aí a súa sede e se poñan en marcha nas instalacións tres novas titulacións universitarias. 

Estas propostas xa as abordou tanto coa Universidade de Vigo como coas consellerías de Educación e de Sanidade, que "están de acordo". O reitor da Universidade de Vigo, segundo Domínguez, considera que o Hospital Provincial "sería o sitio óptimo" para este uso. 

Domínguez ten unha aposta clara "por unha Pontevedra universitaria", por que "a Universidade se asente no centro de Pontevedra". 

O alcaldable do PP, que insiste en que o Provincial non se pecha, senón que os seus servizos trasládanse e mellóranse nun Gran Montecelo que será "moderno e mellor equipado" e permitirá pechar o ciclo do tratamento oncolóxico

Tamén lembrou que con ese uso universitario que propón o PP evitaríase a "deterioración e abandono" do Provincial.