Potenciar os trens de proximidades. É a principal proposta do BNG en materia ferroviaria. Así llo trasladou o candidato pola provincia de Pontevedra, Luis Bará, aos representantes dos comités das empresas públicas ADIF e Renfe.
Iso pasa, segundo Bará, polo feito de que Galicia asuma as competencias en materia de ferrocarril para xestionar este servizo, "que é unha das grandes ausencias do país".
O propósito é crear e potenciar os trens de proximidade e non os actuais de media distancia, que non cumpren aquela función. "Nós propomos unha fórmula semellante á que hai noutras zonas, como Euskadi, e incluso lle temos un nome que é o Galtren", asegurou o candidato.
Sería un tren, explicou, que enlazaría os principais núcleos de poboación arredor das cidades cun medio "económico, ecolóxico e eficaz como son os camiños de ferro". Tamén conectaría entre si as cidades que na actualidade carecen do servizo como Lugo-Santiago.
Outra das prioridades do BNG en materia ferroviaria é completar as infraestruturas de conexión en Galicia e tamén no exterior, con Portugal.
Bará lembrou que existe unha débeda incumprida con Galicia na conexión coa Meseta, "unha reivindicación histórica do BNG que seguimos a demandar", ao igual que a mellora da conexión de Portugal "onde temos un tren do século XX que circula por unha vía do século XIX debido á falta de investimentos".
Lembrou que esta última conexión estivo nas axendas dos estados español e portugués, "pero quedou no olvido".