O Entroido de Cobres, unha "paréntese" festiva na campaña electoral

Vilaboa
13 de febreiro 2024

Ata Cobres achegáronse este martes todos os principais partidos que concorren a estas eleccións galegas, aproveitando a "paréntese" festiva que o seu tradicional Entroido supuxo, polo menos durante unhas horas, á disputada campaña electoral das eleccións galegas

Paloma Castro e Leticia Gallego, no Entroido de Cobres
Paloma Castro e Leticia Gallego, no Entroido de Cobres / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Ata Cobres achegáronse este martes todos os principais partidos que concorren a estas eleccións galegas, aproveitando a "paréntese" festiva que o seu tradicional Entroido supuxo, polo menos durante unhas horas, á disputada campaña electoral das eleccións galegas.

Luis López, presidente do PP de Pontevedra, foi o máximo responsable dos populares en achegarse ata Cobres para salientar a aposta do seu partido pola cultura e as tradicións destas festas tras impulsar desde a Xunta a súa declaración como ben de interese cultural (BIC).

Enmarcou esta medida no "absoluto compromiso" do goberno galego por "protexer, coidar, preservar e potenciar todas as tradicións e manifestacións culturais que hai na nosa terra" e, nese contexto, o Entroido é un referente en todos os puntos da nosa comunidade.

O cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Luis Bará, tamén asistiu ás tradicionais danzas de madamas e galáns en Cobres, onde tamén gozou cos xogos do galo na vara e o galo no río, que congregaron numerosas persoas participantes e visitantes.

Bará, que acudiu coma un veciño máis á festa e incluso puxo un dos coloridos sombreiros dos galáns, destacou a importancia dos entroidos tradicionais como elementos de identidade e a súa potencialidade para a dinamización turística de zonas rurais.

Así, avogou por recuperar as celebracións que desapareceron en colaboración con asociacións e concellos e por fomentar os entroidos "que están vivos como o de Cobres" coa súa declaración como BIC e como patrimonio inmaterial da humanidade.

No caso do PSdeG-PSOE foron as candidatas Paloma Castro e Leticia Gallego as que apoiaron coa súa presenza na carpa de Riomaior o reto lanzado polo Entroido de Cobres, que este ano iniciou a tramitación para ser declarado Festa de Interés Turístico Nacional.

Ambas participaron na tarde festiva, interesándose polos laboriosos e singulares traxes que portan madamas e galáns así como pola orixe das súas danzas, con raíces no século XV e destacaron sobre todo a incorporación do concepto de igualdade a esta festa.

Arquivado en