O encoro do Umia que tanto deu que falar a nivel político e de reivindicacións veciñais nos últimos anos, volveu este domingo á primeira liña da actualidade política da man de En Marea. A candidatura mantivo encontros coa veciñanza da zona e tamén do Monte da Peneda de Soutomaior ao considerar que ambos os dous enclaves son "magníficos para coñecer a nefasta xestión" da Xunta de Galicia na defensa do patrimonio natural.
En Marea adicou a xornada a resaltar o valor do medio como fonte inagotable de recursos e cun valor incalculable, tanto a nivel produtivo como turístico. No caso do encoro do Umia, os candidatos Marcos Cal, Xoán Hermida, Julia Torregrosa e David Crespo puxérono como exemplo da desfeita que infraestruturas innecesarias provocan no noso ben común natural.
Marcos Cal indicou que o encoro do Umia, ao igual que outras obras propiciadas polas administracións como a autovía A57 ou os recheos do porto de Marín "só serviron para destruír o patrimonio natural do país e asegurar grandes beneficios a empresas afeitas a facer diñeiro fácil coa administración".
O tamén candidato Xoán Hermida incidiu na idea de que en todas estas infraestruturas as administracións do PP seguen un mesmo modus operandi de "informes de impacto ambiental de dubidoso rigor, imcumprimento de sentenzas xudiciais e abuso contra a veciñanza".
Marcos Cal considera que "é outra burla do goberno do señor Feijóo" aprobar un plan cun custe de máis de vinte millóns de euros, o plan Umia, "e que non se aprecie mellora algunha na zona". Pregúntase "onde están os cartos orzamentados, xa que é evidente que aquí non se investiron".