O espectáculo do ITU Multisport xa está aquí. Os campionatos do mundo de dúatlon abren esta fin de semana as hostilidades no evento coa maior participación das previstas nas diferentes modalidades, 1.280 deportistas que asolagarán de cor cada recuncho da cidade.
Desde ben cedo, ás 8:00 horas, comezarán a competición este sábado 27 de abril co dúatlon sprint para grupos de idade, seguindo ás 11:30 horas coa proba elite masculina, ás 13:45 horas coa elite feminina e finalizando a partir das 16:00 horas co dúatlon standard para grupos de idade.
Na categoría elite, o equipo nacional estará encabezado polo andaluz Emilio Martín, bicampión do mundo da especialidade, e Irene Loizate, vixente campioa de España e bronce europeo.
Martín, medallista (bronce) no Mundial de 2014 en Pontevedra, asegura que "vengo a por todas" e que o seu obxectivo é repetir posto de honra. O duatleta andaluz recoñeceu que chega ben e motivado por correr na casa. Ademais encomiou á organización porque desde a súa experiencia "aquí en Pontevedra y en toda Galicia hay una afición enorme por este deporte, el público se vuelca y estoy seguro que en lo organizativo será genial", defendeu.
Emilio Martín: "Aquí en Pontevedra y en toda Galicia hay una afición enorme por este deporte"
Na carreira masculina a primeiro espada nacional sitúa como rivais a bater aos duatletas franceses (Choquert, Le Berre e Nicolas), o húngaro Lazslo Tarnai ou o xove belga Arnaud Dely, sen perder de vista o soriano Antonio Benito, actual campión de España, ou a Javier Martín. A nómina de españois complétana dous veteranos como Luismi Martín Berlanas, olímpico en 3.000 metros obstáculos, e Cristóbal García, xunto aos mozos Carlos Oliver e Sergio Correa, representantes sub-23.
Pola súa banda Irene Loizate puxo a súa meta en "luchar por el pódium, aunque sé que es difícil", sinalou na rolda de prensa previa ao comezo dos campionatos do Mundo. No seu caso dous nomes sobresaen na lista de saída, a actuais campioa do Mundo, a austriaca Sandrina Illes, e de Europa, a francesa Sandra Levenez. Irene estará acompañada por Sonia Bejarano tras a baixa de última hora de Joselyn Brea, triatleta afincada en Pontevedra e de María Varo. Marta Pintanel e Tania Alvárez serán as representantes españolas sub-23.
O domingo pecharase a primeira fin de semana competitivo coa categoría de paradúatlon e tamén dúatlon júnior, onde España pelexará polas medallas con Sergio Baxter e Ángel Sánchez en categoría masculina (12:00 horas) e Laura Durán e Natalia Hidalgo na proba feminina (11:15 horas). Antes, desde as 9:00 horas, será quenda do paradúatlon con importantes bazas na delegación nacional e a participación, entre outros, do marinense Aarón Ortiz.
FIN DE SEMANA DE CONCERTOS NO TRIFEST
A primeira fin de semana do ITU Multisport contará coa nota musical que poñeráo sábado Malkeda, desde as 22:00 horas na Praza de España, e a Orquestra Panorama, co fin de festa do domingo (21:00 horas) na chaira do Recinto Feiral.