O debate arredor da necesidade de poñer en marcha medidas para camiñar cara á igualdade en Galicia e loitar contra todo tipo de violencia sobre as mulleres meteuse de cheo na precampaña para as eleccións autonómicas do 25 de setembro. O logro foi de seis colectivos feministas galegos que puxeron en marcha unha campaña para buscar a implicación das formacións políticas que se presentan aos comicios e lograron reunirse con todos os que teñen opcións reais de chegar ao Parlamento e que todos puxeran por escrito os seus compromisos.
En nome dos seis colectivos promotores da iniciativa falou este xoves Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, que valorou de xeito positivo a resposta de todos os partidos políticos. Reuníronse nos dez últimos días con PP, PSOE, En Marea, BNG e Ciudadanos e agradecen a boa predisposición de todos eles de cara ás 39 propostas que lles presentaron, destacando de xeito especial a implicación de socialistas e nacionalistas porque acudiron ao encontro con ellas os seus cabezas de lista, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón.
A campaña leva o lema "Se non contas con nós, non contes co noso voto" coa intención de forzar que as agrupacións políticas recolleran nos seus programas electorais medidas específicas de cara ao seu obxectivo de facer realidade a igualdade entre mulleres e homes e loitar contra as violencias machistas e, despois de manter as reunións cos partidos, están en disposición de asegurar que todos eles recollen medidas das que propoñen os colectivos feministas.
A sintonía entre o movemento feminista e os distintos partidos non é uniforme, senón que existen discrepancias que os colectivos promotores consideran "lexístimas", pero Rosa Arcos destacou que todos amosaron por escrito que no fondo o seu compromiso coas súas 39 propostas é o mesmo, de modo que son optimistas coa posibilidade de que o próximo goberno autonómico que se crea despois do 25 de setembro avance no camiño ao Gran Pacto Galego a prol da Igualdade e en Contra todo tipo de Violencias Machistas que ellas propoñen.
O Gran Pacto é unha das 39 medidas propostas polos colectivos feministas, de modo que interpretan que o compromiso dos cinco partidos coa súa iniciativa supón un impulso ao mesmo. Ademais, garanten que elas estarán aí para fiscalizar o seu traballo despois do 25 de setembro. Farán un seguimento da labor de goberno do partido que chegue á Xunta, pero tamén insistirán aos partidos que queden na oposición a que fagan realidade o seu compromiso a través de iniciativas parlamentarias e, sobre todo, farán fincapé en que todas as formacións políticas traballen para que os vindeiros orzamentos autonómicos aumenten o investimento en políticas de igualdade e loita contra a violencia machista.
A campaña estaba impulsada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Teenses pola Igualdade, O Soño de Lilíth, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega e a Rede Pontevedra pola Igualdade e nos últimos días tamén se sumou o Observatorio da Igualdade.