O convento de Santa Clara pecha as portas e ábrese a opción dun gran parque xunto a Barcelos

Pontevedra
30 de decembro 2017

En setembro pechábase o convento relixioso co traslado das tres monxas clarisas que residían nestas instalacións. A partir dese momento, o Concello de Pontevedra amosou o seu interese en chegar a un acordo para abrir ao público ao horta do recinto, un espazo natural de 12.500 metros cadrados de extensión

Convento de Santa Clara, en Pontevedra
Convento de Santa Clara, en Pontevedra / Mónica Patxot

En setembro, o convento de clausura de Santa Clara pechaba as súas portas. A Orde de Santa Clara decidía trasladar a Santiago de Compostela ás tres monxas que residían no recinto. A avanzada idade de dúas delas levou á congregación relixiosa a tomar esta decisión. Un feito histórico, xa que o convento permanecía aberto desde o século  XIII. 

Este templo estaba unido á tradición das parellas que, antes de casar, doaban ovos para garantir bo tempo o día da voda. As monxas na súa marcha tamén levaron os obxectos de máis valor que se atopaban no recinto, que só mantén actividade no baixo dedicado á misión diocesana, xestionado polo Arcebispado de Santiago. 

Estas instalacións contan cunha horta de 12.000 metros cadrados lindeira coa praza de Barcelos e o Concello de Pontevedra entende que ese espazo debe ser aproveitado pola cidadanía.

Por este motivo, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores manifestou a súa intención de establecer un convenio coa orde relixiosa. O primeiro contacto con Sor Consuelo, a nai abadesas das clarisas en Santiago, xa se produciu a principios de decembro eestá previsto un segundo encontro, tamén na capital galega, a mediados do mes de xaneiro de 2018.

A ese encontro acudirá a nai presidenta da Federación Bética das Irmás Pobres de Santa Clara, Sor María del Rosario Sánchez Muñoz, que é quen tratará co alcalde pontevedrés as posibilidades que se estudan para este amplo espazo situado no centro da cidade.