O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, reuniuse este venres con representantes de colectivos relacionados coa dependencia e a discapacidade como Xoga, AFAPO, ASSEII, Cogami, Amencer e Xoán XXIII, e comprometeuse con eles a desenvolver unha nova lei galega da discapacidade.
Esta lei centrarase, tal e como adiantou, "nos dereitos e non só nos coidados", promovendo ademáis "un plan de emprego para xerar nesta lexislatura 3.000 postos de traballo para unha vida digna".
Durante a reunión, na que estivo acompañado da tamén candidata Victoria Canoura e da concelleira Anabel Gulías, Bará destacou que "a discapacidade e a dependencia é unha temática central para o Bloque" e considera que "cun goberno de Ana Pontón a vida da xente vai mellorar".
Neste sentido, tamén avanzou que a intención e co obxectivo a medio prazo crearán un Servizo Público de Benestar denominado 'SERGAS social', un organismo para atender de maneira pública todas as necesidades de servizos para estes colectivos.
Con esta aposta queren facer un cambio de enfoque do "asistencialismo e da visión paternalista centrada nos coidados a unha visión interseccional centrada nos dereitos das persoas con discapacidade, garantindo os coidados, pero tamén unha vida plena e digna en todos os ámbitos: o emprego, a saúde, a educación, a servizos, educación temperá, acceso á cultura, deporte ou lecer, o transporte, a accesibilidade ou outros ámbitos".
O enfoque, en definitiva, é adaptar toda a lexislación e todos os plans e programas que faga o goberno galego no ámbito á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas do ano 2006.
Outra das iniciativas que Bará destacou no encontro é a "integración laboral". Para iso, a intención é aplicar "medidas de inclusión como a contratación e a compra pública, con cláusulas sociais que favorezan a integración destes colectivos a través das súas entidades representativas".
Tamén falou dos contratos reservados previstos na Lei de Contratación pública para poder dirixir directamente aos colectivos e persoas con discapacidade unha parte das adxudicacións do sector público, e a creación dun plan de emprego promovido polo goberno de Ana Pontón no ámbito da economía circular e na bioeconomía, "un sector emerxente con capacidade de expansión e crecemento que podería xerar arredor de 3.000 empregos".