O 18F hai unha grande oportunidade de levar as políticas públicas de memoria ao goberno galego. Esa foi a principal idea que o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, trasladou este sábado aos colectivos memorialistas, ante os que afirmou que o Bloque na Xunta aprobará a Lei Galega de Memoria Histórica e fará da memoria unha política transversal na estrutura de goberno.
Avogou, así mesmo, pola creación dun Arquivo Público da Memoria que permita recuperar e poñer en valor traballos previos como os realizados dende o proxecto Nomes e Voces, "que o PP laminou xunto ás políticas que se fixeran nos anos do bipartito". Anunciou tamén que se dará apoio ao programa de localización, exhumación e enterramento digno das vítimas.
En terceiro lugar, Bará asegurou que o BNG traballará a memoria con perspectiva de xénero, posto que é necesario, dixo, "facer traballo de restauración e recoñecemento do papel das mulleres non só como vítimas da represión (que sufriron máis que os homes), senón como protagonistas da resistencia, solidariedade e transmisión da memoria".
Tamén considerou fundamental impulsar unha liña de supresión e eliminación de simboloxía franquista e subliñou que se instaurará a celebración institucional do Día de Galiza Mártir.
AUGA
Por outra parte, e tamén este sábado, Luis Bará explicou que o goberno do BNG potenciará dende a Xunta unha nova gobernanza da auga cun modelo propio para Galicia no que favorecerá a xestión comunal para a mellora e modernización das redes de abastecemento e saneamento.
O cabeza de lista do BNG na provincia dixo que as comunidades de augas e as pequenas infraestruturas de abastecemento –como os humedais artificiais- se deben combinar no plan de investimentos galego coas grandes infraestruturas centralizadas para zonas urbanas.
Salientou que é necesaria a creación do Consello galego e dos consellos territoriais para o uso sustentable da auga, e o fomento a creación de consorcios e mancomunidades públicas de xestión directa, cun recoñecemento pleno das comunidades de auga e o fomento do seu funcionamento e mellora.