O BNG busca unha cultura "viva e participativa" para deixar atrás a "invernía" actual

Pontevedra
14 de setembro 2016

A cultura foi a protagonista do acto que o BNG celebrou hoxe na provincia de Pontevedra. Nun encontro con representantes do mundo da cultura, Ana Pontón asegurou que os nacionalistas buscan abrir un tempo novo para este sector en Galicia, deixando atrás a "invernía" cultural destes últimos anos

Xuntanza de Ana Pontón e Luis Bará con representantes do sector cultural
Xuntanza de Ana Pontón e Luis Bará con representantes do sector cultural / BNG de Pontevedra

A cultura foi a protagonista do acto que o BNG celebrou hoxe na provincia de Pontevedra. Nun encontro con representantes do mundo da cultura, Ana Pontón asegurou que os nacionalistas buscan abrir un tempo novo para este sector en Galicia, deixando atrás a "invernía" cultural destes últimos anos.

"Somos un país con lingua e cultura propia e imos estimular e apoiar a cultura porque é unha ferramenta esencial para a cohesión social e o fortalecemento da nosa identidade nacional", dixo. Así, entre outras medidas, destacou que o BNG recuperará a Consellería de Cultura para darlle o apoio que necesitan os sectores culturais e poñer en marcha medidas de apoio no campo das artes escénicas.

Pola súa banda o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, subliñou que o BNG aposta por "unha cultura viva e participativa na que a xente sexa protagonista e non só espectadora. Queremos garantir a nosa capacidade para producir discurso cultural dende nós mesmos", asegurou. 

Como punto central da súa intervención, Bará indicou que a cultura precisa dun plan de desenvolvemento e promoción integral que contemple todos os ámbitos por parte do goberno galego.

Subliñou que é básico o apoio á creación, ás empresas e a todo o tecido asociativo cultural que hai no país, do que dixo que é "moi vivo, traballa moito e precisa máis apoio oficial". Tamén destacou que é necesario mellorar as estruturas e os equipamentos, colaborar cos concellos e coas deputacións para dinamizar os circuítos e as programacións, e apoiar os eventos culturais de forma global.

O cabeza de lista, así mesmo, sinalou que a cultura galega é un sector estratéxico polo que hai que apostar para que sexa un maior dinamizador económico e de xeración de emprego no país, xa que a pesares de xerar o 3% do traballo en Galicia "pode chegar a máis", formando parte das redes e dos circuítos internacionais. 

Pontón e Bará puxeron como exemplo as industrias culturais de Pontevedra á hora de "construír proxectos, ter éxito e levar premios, sendo un orgullo para o país".

Arquivado en