Rodeada de todos os candidatos e candidatas do BNG, Ana Pontón lanzou este venres unha mensaxe de esperanza a todas as persoas que queren un cambio en Galicia, que ela considera que "é imparable". A todos díxolles que "non lles vou fallar" se depositan a súa confianza nela.
"Non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego e todas son necesarias para abrir un tempo novo", afirmou Pontón, que subliñou que neste momento "toca apostalo todo polo BNG", concentrando nel "a onda do cambio que non parou de medrar".
A candidata nacionalista sostivo que "xogámonos moito máis que un goberno". O que está en disputa, dixo, "é un cambio de ciclo, un gran cambio" para deixar atrás quince anos dun goberno, o do Partido Popular, "que está facendo que Galicia perda".
Así, Pontón apelou a todos os galegos a acudir a votar o domingo "con ilusión e convencemento" e, especialmente, "a todas as persoas que aínda dubidan" para que elixan a papeleta do BNG e poder así "construír unha Galicia mellor para todos e todas".
"Pídolles unha oportunidade para demostrar que o podemos facer mellor e para demostrarlles que como presidenta vou traballar cada día por mellorar a súas vidas", asegurou.
A líder do BNG comprometeuse a liderar un goberno que impulse un país no que os mozos desenvolvan a súa vida, no que non haxa que esperar quince días para ir ao médico de cabeceira e no que as persoas maiores desfruten dunha vellez tranquila nas súas casas.
A iso sumou unha Galicia produtiva na terra e no mar, con industria, que aposte pola ciencia e que se sume á loita contra o cambio climático ou que sexa inclusiva, plural e feminista.
Ana Pontón agradeceu o apoio que percibiu durante a campaña, na que dixo ver "a esperanza nos ollos de miles de persoas", unha campaña que o BNG realizou en positivo, con ideas para mellorar a vida da xente, "fronte a un PP sen proxecto que ofrecer, nin xestión que defender".