A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, defendeu este mércores en Marín que os gobernos do PSOE "atienden a la gente que más lo necesita" mellor que os liderados polo PP.
Acompañada da candidata do PSdeG-PSOE por Pontevedra, Elena Espinosa, Saiz sinalou que "no da igual quien nos gobierne", lembrando que o Goberno central inviste 5,4 veces máis no ingreso mínimo vital que a Xunta de Galicia na súa renda de integración social.
"Las decisiones políticas afectan a la vida de las personas", sinalou a titular de Seguridade Social, que destacou a medida impulsada polo Executivo de Pedro Sánchez para suprimir a cita previa na atención da Seguridade Social.
Para iso, destacou a ministra, redobráronse os planteis para axilizar a atención ao cidadán "hasta hacerla casi inmediata", mentres que en Galicia "cada vez hay que esperar más por una cita en el médico de cabecera".
Elma Saiz reivindicou a necesidade de que exista unha "lealtad institucional" entre as diferentes administracións para que Galicia "sea una tierra de oportunidades y futuro".
"Necesitamos líderes dispuestos a colaborar con el Gobierno de España en favor de todos los gallegos y gallegas y no solo por los intereses de su partido en Madrid, como sucede ahora”, sentenciou.
FALADOIRO ECONÓMICO EN PONTEVEDRA
En Pontevedra, pola súa banda, os socialistas organizaron un faladoiro protagonizado polo ex presidente da Xunta entre 1987 e 1990, Fernando González Laxe, que analizou as tres grandes dinámicas que describen o estado económico no que se atopa inmersa Galicia.
Estas serían, segundo explicou, que Galicia crece por debaixo da media española, incluída a súa produtividade, que a súa competitividade está baseada nun uso intensivo dos nosos recursos naturais e nuns salarios máis baixos e que lle custa moito xerar emprego.
A candidata Paloma Castro defendeu que un goberno liderado por Besteiro garantirá unha política económica activa que impulsará aos sectores produtivos do país, apostará pola creación de emprego de calidade, fomentará o benestar e as oportunidades para a cidadanía galega, desenvolverá a Galicia interior e o medio rural e promoverá o investimento e a investigación.
Entre as propostas do PSdeG por un progreso económico de Galicia "innovador, inclusivo e sostible", Castro salientou propostas como un plan de choque contra o desemprego xuvenil e femenino ou un plan de formación en competencias clave.
Na súa intervención, tamén fixo fincapé na necesidade de que Galicia aposte por una "transición xusta", atraendo novos proxectos industriais vencellados á economía verde, ou impulsando medidas para afrontar o envellecemento poboacional e a diminución da natalidade.