Todo o planeta tríatlon mirará esta fin de semana a Pontevedra, onde se congregarán as grandes estrelas mundiais deste deporte para participar na Gran Final das Series Mundiais. Entre elas estará unha deportista de Bueu, Natalia Castro, única representante local e que estará a acompañada por outros galegos como Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Esteban Basanta e Sara Guerrero.
Natalia competirá na carreira sub-23 feminina, fixada para o domingo 24 (14.00 horas), pero farao sen poñerse presión. "Podería ser máis ambiciosa pero creo que sairei a gozar e o resultado virá por si só", asegura.
Por iso prefire non poñer un posto concreto como meta. "Sinceramente non son unha persoa de marcarme un obxectivo, ningún posto, porque ao final o tríatlon é un deporte que é moi alleo a ti, hai moitos factores que poden influír en toda a competición. Eu estaría contenta con facer un bo papel e sobre todo demostrar todo o adestramento que fixen para poder estar aquí", defende.
O que ten claro é que poder competir nunha Gran Final na casa "é unha oportunidade única", sobre todo pola motivación extra que supoñerá estar rodeada de familiares e amigos.
"Dáme confianza e a seguridade de estar na casa, ao final téñoo todo aquí. Vou estar na casa durmindo e vai ser case como un día máis de adestramentos, vir aquí e competir. A verdade é que estar cos meus transmíteme moita tranquilidade, vou ter o meu adestrador ata o último momento que me tire á auga, que iso cando me vou fóra non o teño e ás veces necesítoo", explica.
Ese adestrador é Omar González, un dos responsables do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, un técnico que "cando estou moi ben nunca me di nada, e non me dixo nada, entón supoño que é bo sinal", afirma Natalia.
Con aínda moito percorrido e futuro por diante no mundo do tríatlon, a buenense está "contenta con como foi o ano pero sempre busco algo máis". Quizais o atope na Gran Final, aínda que "a miña tempada non termina aquí porque teño unha Copa de Europa en dúas semanas". Porque o mundo do tríatlon non ofrece tregua.