A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará en Pontevedra este mes de setembro, vai xerar un enorme movemento tanto de persoas como económico na cidade e iso é algo que nota especialmente a tenda de bicicletas Moto Bike, o servizo técnico oficial dos mundiais.
O seu responsable, Nacho Cons, explicou a PontevedraViva que, tal e como ocorreu noutras ocasións, esa semana cambiarán horarios coa "idea de non pechar ao medio día xa que, segundo de que país veñan, hai xente que está afeita a diferentes horas. Imos prever todo iso e faremos un horario continuo desde as 10:00 ata as 20:00 ou 21:00, depende de como se tercie a última hora".
En Moto Bike encárganse de poñer a punto as bicletas antes da carreira, pero se xorde algún inconveniente en plena competición "téñense que retirar", polo menos que sexa algún problema de cambio de rodas que "é o único que poden cambiar. Se é un contratempo de roda si, se é algo mecánico, ten que abandonar". Este tipo de situación é raro que suceda xa que as bicicletas que utilizan os deportistas son "de alta gama e, salvo que haxa caídas", adoitan solucionarse sen maior problema.
"Esa xente vén coas bicis preparadas para competir", indica Cons, aínda que "pode xurdir algún problema de última hora porque se cadra non lle deu tempo de cambiar as cubertas ou picou a bici... Son reparacións moi pequeniñas que crean movemento na tenda".
Explica que as bicicletas que utilizan os deportistas "son todas iguais e o mecanismo é igual para todas", o problema vén cando "falta algunha peza que é exclusiva desa marca. Se nós non a temos porque non traballamos esa marca, o corredor tería un problema". Nese caso, "ou a atopas de casualidade ou en ocasións especiais tes que creala de forma artesanal".
Isto ocorre especialmente cos paralímpicos, "que utilizan bicis moi especiais, mesmo algunhas case artesanais. Atopámonos con problemas deste tipo que por sorte puidemos arranxar artesanalmente", lembra Cons en relación ao caso dun paratriatleta ao que lle "esnaquizaron a bicicleta na viaxe".
Pero non todos os participantes acoden a Moto Bike como servizo técnico, senón que moitos "son autónomos e eles mesmos arranxan as súas cousas". Ocorre moitas veces que se atopan en eventos "onde a tenda está lonxe", entón teñen que aprender a "reparar certas cousas". Insiste en que "os problemas máis habituais son nos avións, que rompen bicis ou cadros e iso non ten solución".
Neste caso, pode ocorrer "que algún triatleta lle preste a súa bicicleta coa consecuencia de que non estea preparada para el", tal e como ocorreu "hai anos nun dos mundiais cando Gómez Noya deixoulle a súa bicicleta a un veterano de Hawai porque a súa bici rompéronlla na viaxe. Foi moi soado nos medios porque na bicicleta poñía o seu nome e pensaban que era o que ía competir", lembra.
Insiste en que este tipo de situación "non é habitual", aínda que si que adoita pasar que "os corredores amateur veñan sen freos", sinala. "Moitas veces os triatletas céntranse noutras cousas e non se preocupan ao 100% da bicicleta e veñen para cousas pequenas pero que xeran movemento na tenda". Tamén hai xente que "vén de fóra e alí non hai certo material así que veñen e cómprano aquí", creando un "mercadillo que é bo para todos, é unha cadea e un movemento de diñeiro que se realiza na cidade durante máis días dos que pensamos".