Jacobo Moreira quere que, a partir do próximo 24 de maio, en Pontevedra goberne a lista máis votada polos cidadáns, sexa cal sexa. De aí que lanzara este xoves un reto ao candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores. "Pontevedra debe ser gobernada por la lista más votada. Yo solo gobernaré si soy la lista más votada. Le pido al alcalde que se comprometa a lo mismo para las elecciones del próximo domingo", afirmou.
O candidato do PP fixo este anuncio antes da xuntanza que mantivo no Hotel Rías Bajas cunha representación de colectivos e clubs deportivos da cidade para avanzarlles as propostas que, en materia de deporte, quere desenvolver durante o seu mandato se gaña as eleccións municipais. Nel participou ademais o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa.
Neste sentido, dende o Partido Popular aseguran que Pontevedra debe atopar no deporte un "nuevo horizonte" e por iso, o equipo de Jacobo Moreira considera necesario refundar o Instituto Municipal de Deportes e convertelo nunha Fundación para o Deporte da cidade.
Sería unha entidade que permitiría poñer en marcha unha "política activa" de captación de patrocinios empresariais para o deporte e a xestión conxunta dos desprazamentos de todos os clubs deportivos da cidade, "abaratando así los costos del transporte", permitirá simplificar o sistema de solicitudes na obtención de subvenciones deportivas, potenciará as Escolas Municipais e implantará un sistema on-line de reserva para axilizar a súa tramitación.
Ademais, a través da Fundación para o Deporte buscarán asinar un convenio coas empresas privadas de servizos deportivos para levar o deporte a todos os recunchos da cidade, como por exemplo, as piscinas privadas climatizadas para que posibiliten aos clubs deportivos de auga desempeñar as súas modalidades en mellores condicións.
Jacobo Moreira anunciou tamén que retomará o proxecto do Centro Lúdico Deportivo de A Parda como equipamento público e de ocio, apostará pola construción dun novo pavillón de deportes apto para ximnasia rítmica e de catro campos de fútbol de herba sintética. Tamén se negociará cos colexios usar as súas instalacións fóra do horario lectivo.
O PP propón ademais crear novas liñas de subvencións para os clubs deportivos e elaborará un calendario anual de eventos deportivos planificado en colaboración con todos eles. Xunto a todo iso, avanzou que promoverá a interrelación entre a Facultade de Ciencias do Deporte, a Escola de Fisioterapia, o CGTD, os clubs deportivos e os deportistas para conformar un clúster do deporte baixo o auspicio do mecenado empresarial.