Miguel Anxo Fernández Lores: "Que a xente vote pensando en Pontevedra e no seu futuro. Será nós ou o caos"

Pontevedra
24 de maio 2019

En apenas dous días Miguel Anxo Fernández Lores saberá se, por sexto mandato consecutivo, segue a ser o alcalde de Pontevedra ou ben se, despois de vinte anos gobernando, ten que deixar paso a un sucesor. E aínda que as enquisas lle son favorables ao BNG, contemplando mesmo unha posible maioría absoluta, el non termina de fiarse

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra / Mónica Patxot

En apenas dous días Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) saberá se, por sexto mandato consecutivo, segue a ser o alcalde de Pontevedra ou ben se, despois de vinte anos gobernando, ten que deixar paso a un sucesor. E aínda que as enquisas lle son favorables ao BNG, contemplando mesmo unha posible maioría absoluta, el non termina de fiarse.

Esa é a mensaxe que están a lanzar os nacionalistas durante os últimos días de campaña. O aínda alcalde asegura que "non nos poñemos límites", pero cre que un "exceso de confianza" pode poñer en perigo "todo o feito ata o de agora". Porque unha cousa ten clara. O BNG é a única opción que garante que Pontevedra "non volva atrás".

Tras vinte anos como alcalde, de verdade o mellor está por vir?

O concepto é ese. Non é que non fixéramos nada antes. Estamos orgullosos do feito ata o de agora. En Pontevedra houbo un cambio en positivo. Dimos pasos importantes de posicionamento exterior, de mudar a mentalidade da xente e puxemos en valor exemplos positivos de que aquí se poden facer as cousas e non hai que marchar da cidade para traballar. 

Nós intentamos construír unha cidade agradable para vivir e traballar, economicamente dinámica e que sexa un gran centro comercial urbano, administrativo e creativo. Estamos sementando para o futuro. Se seguimos nesta liña de crear unha cidade 4.0 e de futuro, os retornos vanse a incrementar. Non podemos coller o pico e volver ás andadas.

Cre que a xente entende o que se fixo na cidade?

Hai unha parte moi importante que si e estouno pulsando todos os días. Os cidadáns páranme para dicirme que están orgullosos do que fixemos na cidade e de que a teñamos situado no mapa. É algo espontáneo da xente. Eu non percibín nunca esa reacción espontánea. E temos máis propostas que van a mellorar aínda máis a calidade de vida do municipio.

Nós somos a única garantía de que se faga. Na oposición hai cantidade de palabras ocas, de non saber de que están falando. Asústanme estes señores. Imaxínate que gobernan. Son capaces de acabar co concello en quince días. Están na inopia. Non saben o que é o diñeiro público, que se acaba... é alucinante. Hai que ser máis coherente cando se fala.

Cales serían as prioridades dun novo goberno?

Pois temos actuacións que están para sacar a contratación como a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal que van a ser moi importantes e eu quero acabar todo o Camiño Portugués e actuar na Santiña e no Burgo e mellorar a seguridade viaria ata Tomeza. Pularemos pola posta en valor e a recuperación do ENIL da Xunqueira da Gándara. A ver ata onde chegamos.

Queremos bater porque a circunvalación sexa unha realidade, igual que o paseo a Marín, o nó de Bombeiros e a variante de Alba, temos que xestionar con Costas o tema da nova conexión viaria en Mollavao ou darlle unha volta á administración deste concello porque ás veces é moi complicado facer as cousas.

Imos a rematar tamén o saneamento do rural e avanzar no abastecemento, completar os cinco novos campos de herba sintética e, probablemente, facer algún no centro da cidade, impulsar novos pavillóns na Parda ou Monte Porreiro para deportes que están mal dotados como a ximnasia ou o tenis de mesa e hai que pensar en hacer algo co piragüismo porque están por aí de prestado.

"Asústanme estes señores da oposición. Imaxínate que gobernan. Son capaces de acabar co concello en quince días. Están na inopia"

Un tema recorrente en todas as campañas electorais é ENCE. E máis nesta, coa decisión da Avogacía do Estado tan recente. Que opina do que está a pasar?

Mira, cando a empresa se reuniu comigo dixeron moi claro que antes de gastar os cartos nun traslado apostaban por comprar vontades e cambiar a opinión pública e estano facendo. Fixérono moi ben co PP. É unha vergonza. Eles non queren gastar os cartos en manter un proxecto industrial moderno, novo e situado nun sitio onde non moleste.

O traslado custaría 800 ou 1.000 millóns cando o 'pelotazo' da prórroga son 2.000 ou 3.000 millóns. Por iso non ten sentido a mesa de negociación. A estes señores hai que mandarlle unha mensaxe clara: ou buscan unha alternativa ou se marchan. Non sei a que estamos esperando. Non poden saltarse a lei e por riba insultando, agredindo e poñendo dianas.

E sempre que se fala de ENCE, fálase de emprego. Máis alá destes postos de traballo, que propón facer o BNG para xerar actividade económica na cidade?

Non hai relación entre o emprego da cidade e Ence. É ínfimo con respecto aos empregos totais que hai en Pontevedra. Non temos máis ou menos desemprego que outras cidades. O que temos que facer é unha cidade atractiva, dinámica, con bos servizos, traer eventos deportivos e congresos, potenciar o comercio, mellorar o espazo público… Nós nos podemos crear empresas pero si xerar actividade.

Gustaríame falar agora da compostaxe. Vai ao ritmo que lle gustaría ao BNG?

A xente nos di que vamos lentos. E eu pregunto, quen vai máis rápido que Pontevedra? Non é fácil cando desde a oposición puxeron todas as trabas posibles. Para que funcione ten que haber unha labor de información, acompañamento, xente con formación… se damos pasos en falso e hai un fracaso volveremos atrás.

Nós queremos facer un seguimento casa por casa, parroquia por parroquia ou definir que facemos co sistema de contedores. Estamos traballando niso e en sacar o novo contrato do lixo con todas as da lei. Iso leva tempo porque composteiros comunitarios se poden colocar aínda máis. É necesario que iso repouse. Por fortuna, os cidadáns colaboran masivamente.

E como cre que se vai a conxugar o transporte urbano? Agora mesmo fálase do transporte a demanda que quere o Concello e dun sistema máis clásico polo que aposta a Xunta...

Pois falando. Non queda outra. Á Xunta se lle acaban as concesións e podemos negociar cales teñen sentido e cales non. Temos unha dispersión impresionante no concello e somos conscientes de que hai xente, polo que sexa, que non conduce e hai que buscar unha solución. Para iso propuxemos o transporte a demanda e financiar unha parte para que sexa útil.

Temos que buscar alternativas que sexan sostibles e que resolvan problemas. Que un autobús vaia a Canicouva seis veces e traia unha persoa cada tres non é sostible. Non podemos gastar millóns para non resolver nada. Temos que utilizar as liñas interurbanas para que actúen como urbanas e non dupliquemos trazados e estudar cales das urbanas son necesarias como Monte Porreiro ou os accesos a Montecelo. Nun prazo dun ano ou dous teremos todo definido.

Agora que estamos coa Xunta, está satisfeito coa relación co goberno galego e co Estado nestes últimos catro anos?

Nós por norma facemos o máximo esforzo para entendernos con todo o mundo. E así fomos chegando a acordos. O que pasa é que logo despois é a oposición aquí a que atranca. Tíñamos pactado o paseo a Marín e ao PSOE non lle gustan os pivotes. Tiñamos pactada a ampliación de Montecelo e o PP enleou todo con Monte Carrasco. Son sempre os mesmos.

Igual que coa variante de Alba ou coa circunvalación. É aquí onde se boicotean. A A-57 tiña un trazado definido e agora ao PP non lle gusta e Marea non quere a circunvalación senón que vaiamos a cabalo. As administración van lentas pero nós chegamos a acordos. O problema é que hai xente que está dentro de Pontevedra que está contra Pontevedra.

"Nós non nos poñemos límites. Estamos orgullosos do que fixemos e temos unha proposta interesante, atractiva e necesaria para Pontevedra"

Se volve a repetir como alcalde, cal sería a primeira medida que tomaría?

Probablemente contactar coas outras administracións e repasar os proxectos en marcha para darlle un pulo. Especialmente as do Goberno central porque pasan anos e décadas e non se executan. A ver se no próximo mandato podemos avanzar. O único que funciona axilmente é a Deputación. Funciona esplendidamente e está executando as cousas razoablemente rápido.

O obxectivo do BNG é acadar unha maioría suficiente para gobernar pero se non é así, con que partidos negociaría un acordo e con cales non?

Nós temos unha traxectoria previa onde está moi claras cales son as nosas preferencias. Ninguén ten a máis mínima dúbida de cal será o noso comportamento con respecto aos pactos de cara o futuro no caso de que sexan necesarios.

De cinco mandatos, tres foron en coalición. Calquera opción dependerá dos resultados. Sexa como sexa, seguiremos traballando por esta cidade porque queremos que Pontevedra avance e temos demostrado que temos capacidade de xestión levar adiante a cidade.

O feito de que as enquisas apunten a unha posible maioría absoluta preocúpalle?

Nós non nos poñemos límites. Estamos orgullosos do que fixemos e temos unha proposta interesante, atractiva e necesaria para Pontevedra. Non me gustaría que por un exceso de confianza a xente crea que está todo feito, quede na casa e quedemos sen maioría suficiente. 

Fago un chamamento á xente que vote pensando en Pontevedra e no seu futuro, co seu amor a Pontevedra na cabeza. Se están convencidos de que a cidade mellora, que pode seguir facéndoo e que a experiencia destes anos é boa, pois que voten para que isto continúe. Hai risco de volta atrás. Somos nós ou o caos. Non o vía ao principio da campaña pero agora si.