Marea Pontevedra propón solicitar axudas para rehabilitar 125 casas da Moureira e os espazos públicos

Pontevedra
23 de maio 2019

Tere Casal e Peque González avogan por solicitar que a zona da Moureira sexa considerada unha Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU). Este barrio conta con 3.800 residentes e 2.000 vivendas e, segundo explica Marea Pontevedra, leva 20 anos abandonado polo goberno do BNG

Tere Casal e Peque González, de Marea Pontevedra, no barrio da Moureira
Tere Casal e Peque González, de Marea Pontevedra, no barrio da Moureira / PontevedraViva

As números 2 e 4 da candidatura de Marea Pontevedra, Teresa Casal e Peque González achegábanse este xoves ao barrio da Moureira para anunciar que a súa agrupación política contempla a solicitude das axudas das Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) para esta zona histórica da cidade.

Tere Casal explicaba que esta contorna do Campo da Torre é o berce de Pontevedra e o punto de actividade económica na época medieval da cidade. Agora, indicaba, é necesario unha reforma de toda esta zona que foi "desfeita" durante a década dos 70 coa construción de edificios.

A número 2 da lista de Marea Pontevedra considera "de xustiza" recuperar esta contorna ao entender que se necesita devolver a calidade dos lugares históricos de Pontevedra. Co ARRU, Tere Casal cre que se rehabilitarían vivendas e poderíanse mellorar os espazos públicos, grazas á colaboración entre  Concello, Xunta de Galicia e o goberno do Estado. A representante de Marea Pontevedra engadía que sería igual que cando se reformou o centro histórico ou o barrio de Estribela.

Peque González manifestaba que o barrio dos Mareantes non pode ser o cuarto traseiro da cidade e que é necesario mirar á historia de Pontevedra para ter futuro. 

Denunciaba o abandono de residentes neste barrio e o peche de negocios durante os últimos 20 anos debido ao abandono en que o goberno do BNG mantivo a toda esta zona na que actualmente viven 3.800 persoas en 2.000 vivendas.

Segundo as estimacións que realiza a agrupación que encabeza Luís Rei, cun  ARRU rehabilitaríanse 125 vivendas a través de axudas con mellora dos espazos públicos, actualmente abandonados.