Marea Pontevedra promete a recuperación de Lourizán co soterramento das vías e a marcha de Ence da ría

Pontevedra
21 de maio 2019

O candidato á alcaldía Luís Rei, apoiado por Teresa Casal, Carmen Moreira, Jaime Acuña e Xoán Hermida, mantivo un encontro coa veciñanza da zona a quen lle pediu a confianza nestas eleccións para que no vindeiro mandato se constrúa o Parque de Dignidade e se revalorice a parroquia

Acto de Marea Pontevedra en Lourizán
Acto de Marea Pontevedra en Lourizán

Representantes de Marea Pontevedra mantiñan este luns un encontro coa veciñanza de Lourizán. Luís Rei, candidato á alcaldía de Pontevedra, manifestaba na súa intervención que Lourizán é a parroquia máis castigada de Pontevedra e que está a punto de sufrir a súa última estocada coa ampliación da depuradora. Un proxecto que promove a Xunta de Galicia e que, segundo Rei, conta co silencio cómplice do goberno de Fernández Lores.

Luís Rei, acompañado por Teresa Casal, Carmen Moreira, Jaime Acuña e Xoán Hermida, lembrou que esta parroquia padeceu a construción da autovía e a instalación de Ence, á que denominou a "maior industria contaminante" da contorna. O canddiato fixo mención á loita emprendida polas mariscadoras de Praceres, que se opuxeron á construción da fábrica e que foron "torturadas" e xulgadas por un Consello de guerra.

O máximo representante de Marea Pontevedra criticou tamén a instalación da depuradora para Ence e para os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e Ponte Caldelas. Denunciou que esta estación depuradora nunca funcionou en boas condicións provocando verteduras na ría.

Luís Rei tamén lamentou a instalación das vías do tren a Marín atravesando a praza dos Praceres, malia a oposición veciñal. E lembrou a imaxe do día da inauguración coa presenza de Manuel Fraga, Xosé Cuíña e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Ante estes ataques á parroquia, Marea Pontevedra quere que nos vindeiros catro anos se revitalice toda a zona coa recuperación da fachada litoral en Lourizán. Propón crear o Parque da Dignidade, que non se levou a cabo no anterior mandato pola "oposición do Bloque de Lores", ademais de soterrar as vías do tren e iniciar a recuperación da ría obrigando a Ence a devolver os terreos que ocupa e impedindo a ampliación da depuradora de Praceres.