Luis Bará pecha campaña en Pontevedra apelando á necesidade de "pontonizar" Galicia

Pontevedra
16 de febreiro 2024

A presidencia de Ana Pontón "é o mellor que lle pode pasar a Galicia neste momento". É a contudente mensaxe que enviou, neste peche de campaña, o candidato do BNG por Pontevedra, Luis Bará, que apelou á necesidade de "pontonizar" o país para que teña futuro

Luis Bará, xunto o alcalde e cargos do BNG no peche de campaña
Luis Bará, xunto o alcalde e cargos do BNG no peche de campaña / BNG

A presidencia de Ana Pontón "é o mellor que lle pode pasar a Galicia neste momento". É a contudente mensaxe que enviou, neste peche de campaña, o candidato do BNG por Pontevedra, Luis Bará, que apelou á necesidade de "pontonizar" o país para que teña futuro.

Bará subliñou que o BNG está preparado para gobernar Galicia tras o 18F porque ten equipo, programa e proxecto de futuro, así como "a mellor líder que necesita neste tempo histórico".

Será a súa tarefa, segundo engadiu o candidato nacionalista, "unir o país, mobilizalo e dinamizalo" a través do liderado "integrador e amable" de Ana Pontón.

Estas eleccións galegas "son unha encrucillada e un momento decisivo" para Luis Bará, que sostén que nas rúas se percibe unha "ansia imparable de cambio". Para iso, recordou, o domingo ten que haber unha mobilización "masiva e histórica" que concentre o voto no BNG.

A candidatura do BNG, reivindicou Bará, "é a que garante de verdade o cambio ilusionante e transformador" para mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir para desenvolver a súa riqueza, xerar empregos e crear oportunidades para a xente.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que o cambio será histórico tamén para a cidade "porque teremos un goberno que nos acompañe como cidade referente", despois de que o Concello non tivera o apoio da Xunta de Galicia co PP á fronte.

Así, Fernández Lores fixo un chamamento aos indecisos porque "o cambio é posible e suporá un salto adiante cunha Galicia diferente, con futuro, cunha presidenta que confía no país".

"Nós cremos que temos posibilidades inmensas, somos quen de dar saltos adiante e ser referencia cando nos deixan; os galegos cando queremos somos capaces absolutamente de todo", sentenciou o alcalde.

Arquivado en