Luis Bará explica a aposta do BNG por crear un Plan de Industrialización para o país

Pontevedra
22 de setembro 2016

"A industria ten que ser un baluarte do desenvolvemento económico do país, ten que ser apoiada con mecanismos específicos de tipo financeiro dende o goberno galego", asegurou, para criticar o "desleixo" do goberno Feijóo ao asumir as "limitacións impostas" para o sector dende Madrid e Bruxelas que non permiten desenvolver o sector

O candidato del BNG Luis Bará acudiu a fábrica de Treves
O candidato del BNG Luis Bará acudiu a fábrica de Treves / BNG

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do vindeiro 25S, Luís Bará, realizou este xoves un reparto electoral ás portas da fábrica de Trèves, no polígono industrial do Campiño, onde manifestou a aposta do BNG pola necesidade de desenvolver un Plan de Industrialización para Galicia. 

"A industria ten que ser un baluarte do desenvolvemento económico do país, ten que ser apoiada con mecanismos específicos de tipo financeiro dende o goberno galego", asegurou, para criticar o "desleixo" do goberno Feijóo ao asumir as "limitacións impostas" para o sector dende Madrid e Bruxelas que non permiten desenvolver o sector.

Bará salientou que é fundamental apostar polos sectores considerados estratéxicos no país, como poden ser o sector da automoción, o naval, o téxtil, o forestal ou mineiro. "No caso da automoción, ademais, evitando o proceso de deslocalización que está prexudicando gravemente a un enclave fundamental a nivel do país na zona da comarca de Vigo e na de Pontevedra, como é o caso de Trèves", dixo. 

"Dende o BNG imos pular, apoiar a industrialización do país e apostar porque se cree emprego no mundo da industria, dende logo tamén respectando as cuestións ambientais e sociais porque cremos nun desenvolvemento sustentable, racional e humano do país", dixo. 

O candidato lembrou que a industria é unha das "columnas vertebrais" da nosa economía, sendo un sector indispensable para garantir a Galicia unha fonte de riqueza e emprego, así como un lugar na economía global. "É preciso planificármonos, ter unha actividade industrial regulada, fomentada e apoiada, para dimensionar e impulsar os nosos sectores produtivos cara a actividades de maior valor engadido e coñecemento", salientou. 

Neste sentido, Bará volveu a incidir na necesidade de modernizar as estruturas produtivas e organizativas do sector industrial do país en relación co I+D de cara a sermos máis competitivos e aproveitar a maior e mellor formación profesional que teñen hoxe en día os novos traballadores galegos.

Durante o reparto de información electoral do BNG no cambio de quenda en Trèves Bará estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; do ex secretario da CIG Rafael Iglesias; da responsable comarcal do BNG, Eva Vilaverde; e do presidente do comité de empresa da factoría.

Alí charlou con moitos dos traballadores da planta sobre a súa situación laboral e explicou parte das medidas do programa do BNG. Así mesmo, instounos a ir a votar o vindeiro domingo e a apostar polo BNG como a única forza nacionalista galega de esquerdas e a garantía da derrota do goberno de Feijóo. Bará sinalou que a día de hoxe os últimos deputados de cada provincia decidiranse entre o PP e o Bloque, polo que se se quere un cambio de caras e políticas no goberno galego a mellor opción é o apoio ao BNG.

Arquivado en