Luis Bará: "É preciso facer desaparecer da ría a peste de ENCE"

Poio
12 de setembro 2016

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou este luns en Combarro que é fundamental para Galicia "poñer o monte e o mar a producir". Tamén subliñou que debe garantirse o uso público da Illa de Tambo

Mitin de Luis Bará en Combarro
Mitin de Luis Bará en Combarro / BNG

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou este luns no mitin celebrado en Combarro que o BNG pelexará por sacar o complexo de Ence-Elnosa da ría de Pontevedra. "É preciso facer desaparecer da ría a peste de Ence”, dixo, para engadir que o impacto de Ence impide o desenvolvemento harmónico das potencialidades da ría de Pontevedra dende moitos puntos de vista. 

"Ence é unha grande lousa para o desenvolvemento do turismo, do marisqueo, da pesca, do lecer, así como do crecemento ordenado dos nosos montes e do sector forestal, que a día de hoxe están supeditados aos intereses da pasteira", dixo, para facer ver a necesidade de planificar o uso do hábitat mariño e litoral facendo compatibles as actividades existentes coa conservación da diversidade.

"O BNG non vai permitir nas institucións nas que estea presente, no Parlamento galego ou onde sexa, a consolidación de Ence 60 anos máis de permanencia na ría aproveitándose de terreos que son de todos", sentenzou. Así mesmo, destacou que "as decisións que se teñen tomado sobre a consolidación de Ence na Xunta e en Madrid poñen en evidencia a corrupción da política, xa que só benefician a intereses partidistas", salientou.

Bará insistiu en que Galicia debe ter confianza nas súas potencialidades e que o monte e o mar son dúas delas. "Galiza é un país rico que pode saír adiante a pesares de atrancos", dixo, para salientar que hai "experiencias de éxito que demostran que o monte comunal pode ter un uso sostible e rendible a medio prazo, con aproveitamentos máis diversificados e máis sostibles".

Neste sentido destacou os cultivos complementarios como as trufas, olivas, castañas ou froitos silvestres, ou os usos turísticos, patrimoniais e sociais que xa dan beneficios nalgunhas localidades galegas, ao tempo que apostou pola creación de cooperativas que xeren emprego e riqueza.

Por último, Bará destacou en clave local a necesidade de garantir o uso público da Illa de Tambo e o seu correcto estado de conservación. Subliñou, así mesmo, a paralización da inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Con todas estas cuestións sobre a mesa, o candidato nacionalista pola provincia de Pontevedra instou aos veciños e veciñas de Combarro a dar o voto ao BNG garantindo que "ten un proxecto de modernización e de progreso, que aposta polos sectores máis dinámicos e innovadores da nosa sociedade, o talento, a innovación, a intelixencia e a valentía".

"O BNG diferénciase dos demais alí onde goberna porque temos proxecto de futuro para o país, ideas claras, experiencia e saber facer. Non chega con ter claro o que se quere, hai que saber facelo, e así o demostramos co modelo urbano Pontevedra, ou con outras moitas iniciativas nos gobernos locais como o de Poio, o de Bueu, Tomiño… ou moitas outras localidades do país, ademais de na Deputación ou no goberno da Xunta no seu momento", dixo.

Arquivado en