O cabeza de lista por Pontevedra do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nas próximas eleccións autonómicas, Luís Bará, defendeu este domingo nun mitin en Catoira que "cada voto é fundamental" para lograr un cambio na Xunta de Galicia, polo que animou a "ir a por todas".
Afirma o nacionalista que o BNG "ten proxecto de goberno para devolver a esperanza a Galiza".
Bará destacou a diferente forma de gobernar que encarna Ana Pontón con respecto a un Alfonso Rueda e un PP que promete en campaña "o que non fixeron en 15 anos e sacan os cheques, bonos e agasallos como vendedores de crecepelo... moi nerviosos polo medo ao cambio imparable que representa o BNG".
O representante do Bloque Nacionalista Galego defendeu a importancia de aumentar a produción de Galicia mobilizando o aforro, as obras públicas, a creación de empresas e vivendas. Tamén subliñou a necesidade de aumentar o valor engadido dos produtos que se obteñen no monte ou do campo, e potenciar o mar.
"Vai todo moi ben para o BNG, con datos e ambiente extraordinarios", afirmou Luís Bará aínda que sinalando que non está todo feito nin decidido e de aí a necesidade de que o 18F se prooduza unha participación masiva concentrando o voto na súa formación como mellor opción para o cambio.