Miguel Anxo Fernández Lores non quere desperdiciar nin un día de traballo se, despois do próximo 24 de maio, os pontevedreses renovan a confianza na súa xestión. "Se temos maioría suficiente, iniciaremos o mandato como foguetes", avanzou o candidato do BNG durante a presentación das noventa medidas que se comprometen a adoptar nos primeiros cen días de goberno.
Fernández Lores explicou que a experiencia previa do BNG noutros mandatos demostra que estes primeiros días estaban "sempre condicionados" pola correlación de forzas na corporación, o que provocaba "longas negociacións" e impedía empezar a traballar co "ritmo necesario". Por iso, os nacionalistas márcanse o obxectivo de impoñerse unha "intensa serie de tarefas" para impulsar ou completar antes do próximo 21 de setembro.
Con estas medidas, segundo o candidato nacionalista, Pontevedra prepararase para dar un "salto adiante" na prestación de servizos e na calidade de vida urbana e rural, estendendo o modelo de cidade a barrios e parroquias. Ademais, tratarán de "darlle máis importancia" á promoción da cidade, recuperar e poñer en valor o patrimonio histórico en todo o municipio, aumentar a participación social ou incrementar as políticas de benestar social.
Estas propostas "non substitúen" ao programa, segundo Lores, que sinalou que "todas elas" están destinadas a impulsar a actividade económica en Pontevedra.
Para estes primeiros cen días, o BNG propón, entre outras cuestións, iniciar as obras diante do Hospital Provincial, elaborar un Plan de Mellora da Calidade Urbana para priorizar as actuacións -consultado e participado polos veciños- a realizar durante o mandato, encargar os proxectos para a cuberta do tren en Joaquín Costa e Médico Ballina ou tramitar a licitación da zona verde de Pasarón e do acceso a Monte Porreiro polos Campos.
Ademais, vinte e catro destas medidas están relacionadas con actuacións relacionadas coa mobilidade e a calidade de vida nas parroquias do rural. O BNG tamén apostará por encargar os proxectos para a construción de novos campos de fútbol de herba sintética e do Centro Lúdico da Parda, licitar a xestión das piscinas de Campolongo, impulsar a rede de voluntariado municipal ou converter a Casa Azul nun centro sociocomunitario.
Impulsar a sede electrónica no Concello, fortalecer os Consellos Parroquiais, elaborar o prego para a licitación da planta de compostaxe, encargar a redacción do proxecto do parque forestal da Fracha, estender os camiños escolares a novos centros, impulsar o transporte público a demanda ou elaborar un documento estratéxico para a promoción de Pontevedra forman parte tamén destas primeiras medidas de goberno.
Todas estas propostas pódense consultar na páxina web www.lores2015.gal.