O BNG de Pontevedra celebrou esta mañá na Praza de España o seu acto de peche de campaña electoral. Arroupado pola portavoz nacional Ana Pontón e acompañado por todos os membros da súa lista, o alcalde da Boa Vila e candidato nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu o voto por última vez posicionándose como a única "garantía que fixo o que prometeu e nunca enganou aos votantes".
A encargada de abrir o acto foi Ana Pontón, que antes de defender a candidatura do seu compañeiro de partido criticou a política do Partido Popular, facendo especial fincapé nos recortes na sanidade. Centrada xa na política municipal, a portavoz nacional do Bloque alertou aos votantes de que "o inimigo é poderoso" e que os rivais do BNG pretenden "reverter o traballo feito por Lores e o BNG". Por iso, dilles aos pontevedreses e pontevedresas que "quedar na casa ou votar a outras forzas é un paso atrás" no modelo de cidade implantado polo equipo de Lores nas dúas últimas décadas.
Tras as palabras de Ana Pontón, chegou a quenda do candidato nacionalista que se presentou como a única opción realista. "Asolagaron a campaña de promesas, a maioría incumpribeis", dixo Lores sobre o programa dos seus adversarios.
Neste sentido, defendeu o traballo realizado ao longo dos seus últimos mandatos como o mellor "aval" de adiantarse "décadas aos problemas actuais con solucións innovadoras" e que situaron a Pontevedra como unha cidade "pioneira a nivel mundial".
Tamén tivo palabras para os representantes das outras institucións, ás que acusa de "sabotear" a Pontevedra polo atraso na execución de numerosos proxectos como a segunda parte do paseo a Marín, a dragaxe do Lérez, a variante de Alba ou o vial de Mollabao, citou en clara alusión á Xunta e ao Goberno central.
Finalmente, lembrou aos seus votantes que o resto de partidos evidenciaron durante a campaña e tamén ao longo do mandato que toca ao seu fin que chegaron a posicionarse en contra de proxectos troncais para o futuro da cidade como a compra de Santa Clara ou a reforma dos edificios do museo da Praza da Leña, é por iso que a opción de Lores é a única que pon a "Pontevedra por enriba de intereses e compadreos, eu ofrezo un proxecto común e integrador para toda a cidadanía", rematou o candidato nacionalista lanzando unha mensaxe para mobilizar ao seu electorado. "Cada voto conta", concluíu.