Representantes de entidades culturais, sociais, deportivas ou veciñais da cidade foron os que acompañaron a Miguel Anxo Fernández Lores no treito final da campaña electoral. A todos eles o candidato do BNG trasladoulles a importancia que tivo a súa participación activa no modelo urbano de Pontevedra.
O encontro, que se celebrou no centro social do Gorgullón, permitiu a Fernández Lores recordar que o traballo feito na cidade durante as dúas décadas que leva como alcalde é un "modelo de todos" que non ten que ver só co goberno municipal senón que é un proxecto "común" que foi asumido e participado polos cidadáns.
Se o BNG consegue a maioría "suficiente" para gobernar "con folgura" o vindeiro mandato, "queremos contar coas vosas achegas", explicou o candidato nacionalista, "porque todas elas son válidas para construír a cidade".
Lembrou que os partidos políticos teñen que ter un programa de execución claro cando chegan ás alcaldías, pero "temos que compartir, explicar, que haxa colaboración e iniciativas por parte das asociacións facilita as cousas e fai que o resultado final sexa moi satisfactorio".
Horas antes, nun almorzo cos medios de comunicación, Lores recordou a importancia de que "ninguén se quede na casa" o próximo domingo porque existe un "certo risco de volta atrás". Asegurou que as propostas electorais do resto de forzas políticas renegan do modelo urbano "aínda que todos din que lles gusta".
Sostivo que os partidos políticos en campaña queren unha "volta ao pasado", pero asegurou que para o BNG o futuro de Pontevedra "non está na industria pesada", senón no camiño cara unha cidade 4.0 "inclusiva, igualitaria, agradable, innovadora ou creativa".