Lores, ás pemes e autónomos da cidade: "Sodes a economía de Pontevedra. O mérito é voso"

Pontevedra
25 de maio 2023

Máis de setenta pequenos empresarios e autónomos atenderon á invitación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que quixo manter este xoves un encontro con representantes de sectores clave da economía da cidade para agradecerlles o seu traballo

Encontro de Fernández Lores con empresarios da cidade
Encontro de Fernández Lores con empresarios da cidade / Juan Manuel García Tajes

Máis de setenta pequenos empresarios e autónomos atenderon á invitación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que quixo manter este xoves un encontro con representantes de sectores clave da economía da cidade para agradecerlles o seu traballo.

Nun almorzo celebrado en El Cafetín, Fernández Lores xuntou un amplo e diverso abano de sectores, entre eles, a construción, a hostalaría, a comunicación, a innovación, a tecnoloxía, a alimentación, o deseño, a produción de eventos, a gastronomía, o deporte ou a saúde.

Ante todos eles, o candidato do BNG debullou as súas medidas en materia económica como as propostas para ampliar os terreos industriais, incentivar a innovación e a creatividade ou darlle un impulso ao turismo, pero sobre todo quixo que este fora un acto de "desagravio".

"Non só sodes o motor da economía de Pontevedra, sodes a economía de Pontevedra", sostivo o alcalde, que lamentou que haxa forzas políticas que neguen a boa saúde da cidade "desprezando que vós sodes os que creades a inmensa maioría do emprego".

Lores subliñou que, en termos comparativos, Pontevedra é o maior foco urbano de actividade económica e emprego de toda a provincia, fito do que fai responsable ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos. "É un éxito e un mérito voso", destacou o líder nacionalista.

"Parece que hai quen despreza o voso traballo, a vosa iniciativa, o voso labor, os postos de traballo que creades. Hai quen pensa que o de fóra é mellor que o que facedes vos. Pois non, para min sodes os mellores, os de Pontevedra sodes os mellores", subliñou o alcalde.

Fernández Lores comprometeuse a seguir traballando para "poñer as mellores condicións das que sexa capaz" para apoiar este dinamismo e pediulles que fagan "máis fortes e máis representativas" as súas asociacións empresariais para mellorar a interlocución co Concello.

O alcalde explicou que "podemos ter lóxicas diferenzas e discrepancias" na xestión do día a día, pero garantiulles que "sempre me teredes ao voso lado para traballar cóbado con cóbado co obxectivo de mellorar e facer avanzar Pontevedra".