Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á reelección co alcalde de Pontevedra, fixo este venres unha exhibición de forza no mitin central da campaña para o 28M. Nunha praza da Ferrería con todos os ocos cubertos, contou co apoio da líder nacional dos nacionalistas, Ana Pontón, e da súa candidatura para pedir o voto dos pontevedreses.
Lores presentouse ante os pontevedreses co "aval de ter conseguido transformar unha cidade gris, triste, enferma, difícil para vivir, nunha cidade amábel, dinámica, segura, accesible, respectuosa co medio" e tamén coa cobertura de "térmonos adiantado décadas aos problemas e ter conseguido darlle solucións innovadoras".
Falou de recuperación da memoria histórica, de avance nos novos sectores da economía, de posta en valor do patrimonio cultural e ambiental, de mobilidade urbana, de modelo de cidade e rural, de urbanismo feminista e de moitos outros aspectos nos que asegura que "fomos pioneiros a nivel mundial".
Con estes avais, pide o voto para poder seguir na Alcaldía catro anos máis e seguir avanzando, mesmo para "abrir unha nova etapa en Pontevedra".
Así, asegurou que se presenta porque está no "mellor momento" da súa vida política, coa serenidade e coñecemento que da a experiencia, pero "con máis ilusión que nunca para esta nova etapa", un novo ciclo a 8-10 anos que quere abrir.
"Estou namorado até as trancas de Pontevedra, sinto verdadeira paixón por Pontevedra, e o amor e a paixón dan ilusión, dan empuxe, fan pensar no futuro" sinalou, unha referencia que tamén leva no seu lema de campaña para esta cita electoral.
Ana Pontón non quixo perder esta cita con Pontevedra e puxo a cidade como "exemplo" de como o BNG é capaz de sumar ao seu modelo municipal a cada vez máis amplas capas da sociedade.
No ecuador da campaña, destacou que Pontevedra ten un proxecto e un modelo propio "envexado en medio mundo" e que nesta campaña ve a Lores e ao seu grupo "máis ilusionados que nunca".
A clave dese entusiasmo, para Pontón, é "o seu amor a Galiza e a Pontevedra", e a súa confianza na sociedade pontevedresa, convencidos e convencidas de que "o que hai que facer é avanzar, avanzar e avanzar".
Ao igual que fixo Lores, Pontón fixo unha chamamento a mobilizar o voto do BNG, "a non perder ningún voto a favor de Pontevedra", porque "nada está gañado, todo está por gañar e temos todas as papeletas para gañar pero hai que traballalo".
O alcaldable nacionalista quixo advertir: "calquera voto que non vaia para o BNG será un voto pola volta atrás, por volver a aquela Pontevedra rancia, casposa e en branco e negro dos anos 80 e 90".
Asegurou tamén que, despois de 24 anos na Alcaldía, segue a ter "soños" por cumprir, unha cidade e un rural de cada vez máis elevada calidade de vida e ser referente mundial en cada vez máis ámbitos como o tratamento dos residuos a recuperación da Ría ou o tratamento de augas residuais.
Tamén están entre os seus soños ver Santa Clara, a Ría, a Xunqueira de Alba, o Monte "a pleno rendemento" e que sexan realidade a variante de Alba, o remate do paseo a Marín, a remodelación do Nó de Bombeiros, a variante de Mollavao e a circunvalación.
Fronte a un BNG que "sempre cumpre", sitúa as demais candidaturas, que "non teñen un proxecto, teñen unha obsesión que é frear e darlle a volta atrás a este modelo Pontevedra que construímos entre todas".