Frear un posible exceso de confianza entre os seus votantes converteuse na preocupación do BNG nesta recta final de campaña. O seu candidato, Miguel Anxo Fernández Lores, así o recoñecía a facer un balance destes últimos quince días. A eles quixo facerlles un chamamento directo: "que non se confíen porque non está todo garantido, fan falta todos os votos para que non deamos unha volta atrás en Pontevedra".
Fernández Lores afirmou que durante esta campaña electoral, o BNG percibiu "bo ambiente e boas sinais de que a xente está contenta", pero recordou que "o que vale de verdade" é o voto o próximo 24 de maio. "Temos que mobilizarnos ata o último día, que a xente non se quede na casa e que fale cos amigos e familiares", pediu o candidato nacionalista. "Estamos nun posicionamento moi bo para dar o salto adiante que precisa a cidade".
En rolda de prensa, explicou que o BNG nesta ocasión por unha campaña "en positivo, distinta, alternativa e moi intensa" e na que mantiveron encontros con numerosos colectivos e sectores da vida municipal. Nela, traballaron "dunha ou outra maneira", máis dun millar de persoas, encabezados polas 34 persoas que acompañan a Lores na candidatura e que fixeron un labor "excelente".
Neste sentido, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que "nunca antes" percibiran nunha campaña electoral un ambiente "tan bo e favorable" aos nacionalistas, algo que lles deu "moito ánimo" para seguir traballando nun modelo de cidade "do que os pontevedreses están cada vez máis orgullosos".
Fernández Lores lamentou que a medida que foi avanzando a campaña constataron a "oposición frontal" do resto de partidos políticos a este modelo. De aí que reiterase que o próximo domingo "só hai dúas opcións: avanzar cara un modelo de calidade urbana premiado e recoñecido ou a volta atrás do PP, que capitaliza oposición das demais forzas políticas que se uniron a estas posicións".
APOIO DE XAVIER VENCE
Nesta última xornada de campaña, Lores contou co respaldo do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, nunha repartición do comic deseñado por Kiko Dasilva polo tramo peonalizado de Benito Corbal. Alí sinalou que cada vez que vén a Pontevedra comproba que a xestión de Lores "ten un amplísimo respaldo da cidadanía de todas as cores políticas, porque ven as realizacións".
Vence gabou o modelo urbano de Pontevedra "envexable, premiado e recoñecido internacionalmente" e que, segundo o voceiro nacional do BNG, queremos a estender a todo o país". No seu paseo electoral, mostrouse convencido de que o modelo urbano deseñado polo goberno de Lores "é algo exitoso e que lles vería moi ben aos 314 concellos que temos neste país".