Baixo o lema ‘Concello feminista. Concello equitativo’ o Bloque Nacionalista Galego ofreceu este sábado un acto aberto desde a glorieta de Compostela a través dunha conversa entre a edil de Protección e Seguridade Cidadá e número dous da candidatura ás eleccións municipais polo BNG, Eva Vilaverde, a profesora xubilada e ex concelleira pontevedresa, María Jesús López Escudero; a vicerresponsábel local do BNG en Pontevedra, Sabela Bará; ex alumna do IES Luís Seoane, activista feminista e profesora de secundaria, Alba Lorenzo; e profesora da Universidade de Vigo e integrante da candidatura do BNG por Pontevedra, Victoria Canoura.
O alcalde e candidato á reeleción, Miguel Anxo Fernández Lores abriu lembrando que hoxe estaría entre o público para "escoitar e aprender".
"Son feminista. Teño claro que son as mulleres as que deben falar alto e claro e os homes acompañas no camino do feminismo, aprendendo, escoitando e apoiando", engadiu Lores.
O candidato a alcaldía polo BNG quixo sinalar que "ningunha conquista é irreversible" poñendo de exemplo o rueiro da cidade, cada vez con máis nomes de mulleres. "Estou convencido de que se os inimigos de feminismo chegan ao poder, volverán a poñer o nome do rei emérito no rueiro e a sacar o nome de Virxinia Pereira".
A moderadora, Sabela Bará, indicou que "o BNG é feminista, hai un compromiso claro con el desde o principio dos tempos. O BNG ten na súa esencia o feminismo".
Pola súa banda, María Jesús López Escudero, advertiu que "o patriarcado nunca durme, o patriarcado adáptase. O sistema tende a mesturarse cos discursos revolucionarios até fagocitalos".
"O BNG foi e é consciente de que todas as accións de transformación de modelo de cidade debe ter en conta a perspectiva feminista", sinalou López.
Parte da conversa xirou ao redor da política municipal que propón o BNG, lembrando Bará que as actuacións contra a violencia machista non dependen só do Concello, pero todas as políticas realizadas deben ter unha visión feminista.
María Jesús López Escudero, sinalou que "sempre houbo mulleres insignes, e deixaron tras de si un luminoso ronsel. O BNG de Pontevedra recolleu o anonimato de moitas mulleres, e o fixo con proxectos tan valiosos como A Memoria das Mulleres. Roteiros, murais, rúas... Devolven as mulleres o protagonismo roubado. Queda moito por facer, e por iso hai que continuar".
Na recta final do faladoiro, Vilaverde sinalou a importancia á hora de seguir avanzando como Concello feminista.
"Pontevedra avanzará da man do feminismo ou non avanzará", finalizou.